Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Burela solicita a retirada da bandeira da UE no Concello

Burela, 16 de Marzo de 2016. O voceiro nacionalista en Burela, Mario Pillado, presentaba este mércores no rexistro do concello de Burela unha solicitude para que se retire a bandeira da Unión Europea nas diferentes dependencias municipais. Para o nacionalista “a crise dos refuxiados non representa outra cousa mais co fracaso da Unión Europea como solución dos problemas dos diferentes pobos”. O burelao engadiu que “aínda por riba temos que ver coma no noso nome se maltrata e considera mercancía a persoas que deberían contar cos mesmos dereitos e liberdades ca nos”.

Por outra banda, o BNG de Burela, na mesma liña ca organización frentista a nivel comarcal, apoiará a concentración deste mércores 16 ás 20:00 horas diante do concello de Burela. “Mentres algúns debaten no congreso e se enchen a boca coa unidade de España, outros, ós que nos acusan de mirar so para o noso país estamos do lado da liberdade dos pobos e dos dereitos fundamentais das persoas” suliñou Pillado.

Para o nacionalista, “este tipo de sucesos non deberían ser unha cuestión política, mais ben humanitaria, pero vese que algúns dan a espalda ás persoas por cuestións de distancia ou da nacionalidade e por non descontentar a quen lles manda en Europa”. Para rematar o voceiro do BNG en Burela dixo que “este tipo de xestos e actos pode que dende o punto de vista pragmático non sirvan de moito pero si que sitúan, de cara a opinión pública, a cada quen no lugar que quere ocupar de xeito ben claro e ós nacionalistas vannos atopar sempre do lado da xente e das persoas, xa sexa en Burela, en Galiza ou no mundo enteiro”.

Exit mobile version