Parece ser que o PSOE está atónito e quere saber que pasa con BNG de Foz. Ímosllo explicar, pois non queremos ser os culpábeis do seu incomodo. Co BNG de Foz non pasa nada, pasa que a diferencia do PSOE, temos un proxecto político ben definido, coherente e ambicioso, coñecido por todos, e non precisamos dos argumentos políticos dos demais para levalo a cabo, moito menos nos deixamos amedrentar por supostas ameazas que nin existen nin serían efectivas, caso de existiren.
Vemos que están preocupados pola actuación do BNG no último pleno, pero iso é ben fácil de explicar. Consideramos que a nosa moción a respecto dunha nova exposición pública do PXOM non precisaba máis explicación, tendo en conta que xa fora aprobada no pleno anterior cos votos do PSOE e de FPF, por certo, polo que non entendemos esa necesidade de que llela expliquemos por segunda vez. Por outro lado, xustifican o seu voto incoherente a respecto do mesmo asunto (a favor no pleno de xaneiro, abstención no de febreiro) na falta de exposición por parte do BNG. Que pasa? Que o PSOE non ten un proxecto político propio? Non ten unhas liñas de actuación claras? Non será que adapta os seus argumentos e o sentido do seu voto segundo o sol que máis quenta? Ou ao mellor é que no BNG somos malpensados e simplemente para o PSOE somos a luz que ilumina o seu camiño.
Asómbrase tamén o PSOE pola nota de prensa na que expresamos as nosas dúbidas sobre a vixencia do contrato cos redactores do PXOM, dúbidas que segundo eles non manifestamos no pleno. Non parecen lembrar, ou non queren, que esa foi unha das preguntas que lle formulamos ao alcalde no turno de preguntas. Certo é que foi a última e igual os concelleiros do PSOE estaban máis preocupados en recoller para saíren axiña que en escoitar… En caso de dúbida, aí están as actas para corroboralo, como din eles.
Insinúan a continuación os socialistas que existe unha “pinza” entre o PP e o BNG. Gustaríanos lembrar que no BNG sempre se tomaron as decisións de forma asamblearia, así que non vale dicir, como se fixo sempre, que os mellores representantes do BNG son os que se foron. No BNG seguimos a ser os mesmos, co mesmo proxecto, as mesmas liñas políticas e o mesmo traballo en equipo, aínda que a labor de concelleiro cambie de mans.
E xa para rematar con tantas manipulacións e mentiras, pretenden facer ver que a culpa de que non haxa un goberno de esquerdas en Foz é do BNG. Non, señores, a culpa de que non houbese pacto é do personalismo dos PSOEs, que non aceptaban un alcalde que non fose o seu propio candidato. No BNG só puxemos unha condición: o noso programa, que incluía propostas para crear emprego, para a xestión pública dos servizos e para favorecer a participación cidadá. Queda pois bastante claro que todas estas descalificacións só obedecen a un obxectivo: desviar a atención das súas propias malas actuacións.