Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela está a limpar o espazo situado detrás da Capitanía Marítima, onde Alfredo Llano quere crear un parque infantil e unha zona de esparexemento

Burela, 1 de marzo de 2016.- O alcalde, Alfredo Llano, mantivo na mañá deste luns unha xuntanza no Concello con responsables de Portos para falar do futuro do solar que está situado detrás da Capitanía Marítima. O rexedor pretende crear un espazo público e de esparexemento, que conte cun parque infantil e con locais hostaleiros que promocionen os produtos que pesca a flota burelesa. Terá acceso e saída pola Travesía do Porto. O Concello está a limpar hoxe toda esa zona e proximamente presentará en Portos o proxecto a desenvolver.

Llano manifestou que “tal e como tiña falado co presidente de Portos en Santiago quedamos en preparar unha zona onde ten Portos unha serie de almacéns nos que ultimamente ían recollendo para alí os diferentes aveños que o mundo do mar vai desestimando antes de mandalos para reciclar”. O alcalde indicou que “en base a aquela conversa quedamos xa en preparar un espazo público na Travesía do Porto, ao mesmo tempo tamén hai alí unha serie de naves que agora mesmo non se están empregando e queremos facer unha proposta de negocio para abrir catro bares que teñan relación co mar e preparen comidas co obxectivo de promocionar o noso produto que se pesca aquí no porto de Burela. Tamén queremos, si é posible, que algunha empresa que teña conservas propias da zona de aquí de Burela, por exemplo polbo ou bonito, poida poñer un posto de venda”.

O alcalde salientou que “agora estase limpando esa zona e vaise deixar libre. Nosoutros xa imos preparar un proxecto de uso que basicamente vai ser da retirada da parede que está agora contra a Travesía do Porto. Eu penso que Portos vai preparar a zona de dentro e imos chegar a un acordo presentando un proxecto para uso de esparexemento público”. Alfredo Llano engade que “despois xa veremos cómo facemos as cargas económicas a través de Portos e do Concello, pero de momento hai boa predisposición a axudar neste campo”.

O rexedor burelés “pensa que vai ser unha motivación máis para esa zona e vai quedar perfectamente, dado a súa proximidade ao porto e ás praias. Imos tratar de facelo o antes posible e imos preparar un proxecto para ver o que se pode colocar alí. A miña intención é crear un parque infantil, un espazo para terrazas e un lugar para esparexemento e concentración das familias e da xente que queira ir alí a gozar do que se poña en marcha”.

Exit mobile version