O alcalde, Alfonso Villares, explicou este xoves que “levamos xa varios meses en contacto desde o Concello de Cervo cuns rapaces e rapazas do noso concello para buscar un sitio onde construír unhas instalacións para que aí se poidan gardar e coidar distintos animais de compañía, sobre todo cans e gatos, que aparecen abandonados no concello. E xa decidimos nestas semanas pasadas o lugar para situar estas instalacións, que van estar no polígono industrial de Cuíña, nuns terreos que son municipais”.
O rexedor cervense subliña que “imos facer un espazo que é moi digno, como se merecen este tipo de instalacións. Un lugar que vai ter unha extensión de 1.050 metros cadrados e no seu interior vai haber canceiras. En total vai haber seis canceiras, co seu espazo interior e exterior; dúas canceiras de illamento, tamén con espazos interiores e exteriores; e unha zona de mascotas para outro tipo de animais que puidesen aparecer, coa súa zona interior e exterior. As instalacións van ter tamén almacén, aseos, unha oficina e unha sala de curas”.
Villares salienta que “vai ser unha obra importante porque nós consideramos que debemos facer o posible para liquidar este problema que é perentorio, xa que cada vez nos aparecen, por desgraza, máis animais abandonados no concello. Queremos que eses animais abandonados teñan unhas instalacións dignas onde poder albergarse”.
O alcalde de Cervo engade que “para iso contamos con estes rapaces e rapazas, que ademais constituíron unha asociación, denominada Coletiñas, e téñolles que dar as grazas porque van ser eles os que poñan o seu tempo e o seu traballo para coidar en boas condición aos nosos animais. Pola nosa parte, a do Concello, imos facer esta obra cun investimento máis que digno e ideal para que estes animais estean en boas condicións”.