Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo traballa na creación dun Banco Municipal de Terras

Mondoñedo, 26 de marzo de 2016.- O Concello de Mondoñedo traballa na creación dun Banco Municipal de Terras coa finalidade de evitar o abandono de masas comúns da concentración parcelaria de Mondoñedo Norte e co obxecto de estimular o sector primario, especialmente o hortícola.

En concreto, a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, explica que se está a estudar coa Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia a solicitude de varias masas comúns vacantes da concentración parcelaria de Mondoñedo Norte, que se dirixirían a creación do seu propio Banco Municipal de Terras.

Candia indica que na concentración parcelaria de Mondoñedo Norte hai un total de 33 masas comúns que no proceso quedarían vacantes e que suman unha superficie aproximada de 137.187 metros cadros. “Dende o Concello de Mondoñedo queremos evitar que estes terreos sobrantes estean abandonados ou mal coidados, sen un uso produtivo, polo que buscamos a súa cesión a un prezo simbólico para destino agrario, dándolle prioridade ao cultivo da horta”, indica.

En canto ao proceso de adxudicación das masas, dende o Goberno local sinalan que estas elaboraríanse polos servizos xurídicos do Concello e o proceso sería “absolutamente público”. Estas bases de adxudicación daríanlle prioridade aos veciños de Mondoñedo ou a persoas que veñan a residir á localidade e que “aposten polo sector primario, como medida de estímulo, especialmente, polo hortícola, que tanto recoñecemento ten en Mondoñedo pola calidade dos seus produtos”, resalta a alcaldesa.

Exit mobile version