Site icon Crónica3.com A Mariña

O Encontro de Palilleiras, que se celebrará en San Cibrao este sábado, contará con máis de 700 participantes

290316 PREPARATIVOS ENCONTRO DE PALILLEIRASCervo, 29 de marzo de 2016.- O décimo terceiro Encontro de Palilleiras, que se celebrará en San Cibrao este sábado, día 2 de abril, contará con máis de 700 participantes. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares; a concelleira de Igualdade, Pilar Armada; e o edil de Obras, Plácido Pérez, supervisaron os traballos de montaxe das instalacións para o evento no pavillón polideportivo da Veiga.

Pilar Armada destacou que “o número de participantes incrementouse ata chegar a máis de 700, polo que foi necesario retirar canastras e outros aparellos deportivos no pavillón da Veiga para que poida acoller a tanta xente, que virá palillar desde lugares como Gijón, a Costa da Morte, Xove, Burela, Ferrol, Begonte, Mieres, La Felguera, Ourense, Navia, Cedeira, A Coruña, Lugo, Carmariñas e, por suposto, de San Ciprián”.

En canto á carpa anexa ao pavillón para a venda de produtos de artesanía de labores, a edil de Igualdade comentou que “estará tamén a tope, porque haberá 43 postos que veñen desde Cantabria, Galicia, Asturias e Valencia. Tivemos peticións para instalar máis, pero non foi posible polo que lles pedimos desculpas aos que quedaron fóra nesta ocasión”.

Pilar Armada tamén anunciou que “a novidade este ano é a exhibición do proceso do liño a cargo de mulleres de San Bartolomeu de Insua, en Vilalba, que vai estar moi ben, e contaremos coa animación musical do grupo folclórico Airiños do Xunco. Ademais, como en edicións anteriores, as palilleiras visitarán a fábrica cerámica de Sargadelos, para o cal o Concello pon a súa disposición autobuses”.

A concelleira salientou que como consecuencia deste evento “a hostalería do municipio e dos concellos máis próximos a Cervo, como Xove e Burela, verase moi beneficiada pola gran cantidade de xente que atrae este encontro, porque ademais das palilleiras tamén virán acompañantes e visitantes”.

Exit mobile version