O concelleiro Ramiro Fernández Rey explicou que “presentamos a páxina web www.turismoburela.org con información de todo o que poden atopar no noso concello as persoas que nos visiten. A páxina inclúe fotografías de Burela, historia, cultura, tradicións e tamén unha relación de establecementos onde durmir e onde comer. Será unha páxina viva, na que iremos actualizando os contidos que nela aparecen”.
O edil de Turismo indicou que “o spot publicitario que elaboramos de Burela poderase ver nas redes sociais. O noso obxectivo é facer máis vídeos das diferentes festas que se celebran no noso concello”.
Fernández Rey contou que “tamén estamos a traballar na elaboración dun novo folleto turístico. Está practicamente rematado e agardamos que entre esta semana e a vindeira poida estar xa na rúa”. A primeira tirada será de 5.000 exemplares, que se distribuirán nas feiras ás que acuda o Concello burelés e tamén na oficina de turismo da localidade.
Burela Bonita é a nova imaxe-marca do Concello.
O concelleiro de Turismo subliñou que “a intención deste equipo de goberno, tal e como vimos falando desde que chegamos aos Concello, é tentar impulsar o turismo en Burela e estes son os primeiros pasos que estamos a dar. Nun futuro, evidentemente, seguiremos traballando nesta liña para fortalecer a imaxe turística de Burela, porque entendemos que é un potencial que temos sen explotar e que debemos explotar, claro”.
Xunto a Ramiro Fernández Rey e o alcalde burelés, Alfredo Llano, compareceron os responsables das empresas que elaboraron todo este material turístico.