Rivera Capón informou sobre a moción que esixe a paralización do desmantelamento do servizo de Correos na provincia de Lugo. Deste xeito, o executivo provincial demanda ao Goberno Central, concretamente á Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, que restitúa nos Concellos da provincia os servizos suprimidos durante os anos 2013, 2014 e 2015. Tamén reclama á Xunta de Galicia que realice as xestións necesarias ante o Goberno do Estado para recuperar que esta prestación, así como o seu persoal nas mesmas condicións.
O Goberno provincial da Deputación de Lugo advirte que nos últimos cinco anos destruíronse entre 13.000 e 14.000 postos de traballo en todo o Estado. Rivera Capón lembrou que foi o actual Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o que iniciou o proceso de privatización do servizo de Correos.
Lugo: suprimíronse 29 prazas
Na provincia de Lugo, suprimíronse oficialmente 29 prazas. Na actualidade, a previsión é recortar outras 11 prazas. Comparando os censos de persoal na provincia de Lugo, (entre persoal funcionario e laboral), destruíronse 121 postos de traballo nos últimos dous anos. Tampouco se contrata persoal temporal para as substitución de vacacións.
En comarcas coma a da Mariña, a de Lugo ou a de Sarria estanse a suprimir repartos e persoal en zonas rurais. Ademais reducíronse horarios de apertura en case a totalidade das oficinas, e mesmo se imposibilita o envío de paquetería, obrigando á poboación a trasladarse ás oficinas principais para este tipo de envíos, cando en moitos casos é o propio Concello o que asume a titularidade do local.
Estudo da represión na provincia de Lugo
O vicevoceiro provincial do BNG, Antonio Veiga Outeiro, presentou a moción do equipo de Goberno sobre a memoria histórica, a ditadura franquista e o cumprimento do 80 aniversario do Golpe de Estado.
Veiga Outeiro demanda que se promova ao longo do ano 2016 o desenvolvemento dun programa de actividades –en colaboración con entidades da Memoria e Concellos- arredor da memoria histórica e da represión franquista.
Ademais, a Deputación de Lugo realizará, coa participación das entidades da Memoria, un estudo da represión na provincia de Lugo para elaborar, con outras institucións e colectivos, un Mapa da Memoria (rede de lugares da represión, resistencia, solidariedade e homenaxe en Galiza).
Dende o organismo provincial promoverase un recoñecemento e homenaxe a todas aquelas persoas que ostentaban cargos públicos para os que foran elixidos democraticamente e que foron represaliados, encarcerados ou asasinados debido a ese cargo que ostentaban e as ideas que defendías a raíz do golpe de estado de 1936.