Mondoñedo, 1 de marzo de 2016.- A edil de Facenda do Concello de Mondoñedo, Ángeles Rodríguez Rico, lamenta que a “mala xestión” do anterior goberno bipartito na administración local os obrigue a devolver parte dunha achega concedida pola Xunta de Galicia para subvencionar os Grupos de Intervención Rápida (Grumir).
En concreto, a edil di que o “Concello vese obrigado a devolver parte da subvención recibida en maio de 2012, xa que non se actuou de acordo ás bases da subvención”. De feito, os socialistas e os nacionalistas non executaron o importe total desta axuda, destinada a cubrir nóminas do traballadores do Grupo de Intervención Rápida.
A contía total a devolver é de 21.630,92 euros, situación que Ángeles Rodríguez considera “incomprensible” dado que se trataba de diñeiro que debería destinarse a nóminas do traballadores pero o BNG e o PSOE “preferiron privalos do que lles correspondía”.
“Estamos ante a deixadez máis absoluta” por parte do anterior goberno, indica a edil, quen engade que, “esta circunstancia que se lles notificou consecuentemente dende marzo de 2013, agora nos leva a desembolsar esta contía mermando as arcas municipais por unha mala xestión”. A maiores, a responsable de Facenda do Concello de Mondoñedo tamén indica que “esta actitude neglixente foi máis alá, toda vez que sendo coñecedores de que tiñan que devolvela, non o fixeran”.