Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno municipal de Lourenzá acláralle á portavoz do PP e ex alcaldesa que xa están solucionados os problemas do alumeado público da zona da Gracia e que están a traballar para resolver os que hai na rúa Montero Villegas e na Avenida de Soutelo

Lourenzá, 31 de marzo de 2016.- O goberno municipal de Lourenzá considera “sorprendente que a voceira do Partido Popular, a señora Emma Álvarez, nos pida unha solución rápida e urxente aos problemas de alumeado que existen en determinados barrios do concello. Recordamos que cando ela estivo de alcaldesa non foi capaz de reparar os problemas que existían co alumeado público na zona da Gracia, algo que o actual goberno xa solucionou. Do mesmo xeito estase a traballar para resolver o antes posible os problemas existentes na rúa Montero Villegas e na Avenida de Soutelo”.

O equipo de goberno local engade que “tamén resulta irrisorio que a ex alcaldesa se preocupe agora polo estado do denominado Camiño A, porque en case dous anos de goberno non fixo nada ao respecto, salvo mentir sobre a súa titularidade en reiteradas ocasións, intentando pasarlle as responsabilidades á Deputación de Lugo, cando ela mesma sabía que a estrada é de titularidade municipal. Somos conscientes do mal estado que presenta este viario e estamos a facer tódolos trámites e xestións posibles para intentar arranxalo ó longo deste ano. Lamentamos que non teña estas preocupacións por outras herdanzas que nos deixou, como é o caso das dúas pontes que levan ano e medio derruídas e que impiden o paso dos veciños das parroquias afectadas. Neste caso non lle interesa levantar a lebre, posto que son os seus compañeiros da Xunta os que están a retrasar as obras. Respecto á casa da Froilana non nos trate vostede de parvo pois todo mundo sabe que en nove meses non se converteu en ruínas; xa non era precisamente un palacio cando vostede gobernaba”.

Os gobernantes municipais tamén replican á voceira do PP que “ninguén mellor ca  señora Álvarez sabe da deficiente situación económica que nos deixou, cun Concello hipotecado e con partidas totalmente esgotadas.  Deixounos como herdanza un patrimonio totalmente descoidado e en nefastas condicións: camiños, alumeados, instalacións deportivas, áreas recreativas, etcétera; todo deteriorado e abandonado”.

A actual rexedora de Lourenzá, Rocío López, agradece que Emma Álvarez lle recorde “cales son as carencias e deficiencias que ela mesma lle deixou mentres foi alcaldesa. Todos estes  problemas son herdados do anterior goberno; mágoa que cando a señora Álvarez gobernaba non soubera escoitar nin atender ás necesidades dos seus veciños. Daquela fixo caso omiso a todas estas peticións, pero agora que está sentada noutro banco parece que ve as cousas dende outra perspectiva. De ter escoitado daquela as súas peticións quizais hoxe seguiría de alcaldesa.  Os veciños puxérona no lugar que lle corresponde, señora Álvarez, por facer caso omiso dos seus problemas mentres vostede gobernaba”.

O goberno municipal tamén critica “a actitude da voceira do grupo popular, que quere enredar con mentiras e con falsas informacións aos cidadáns. Non vai tan lonxe o seu mandato e a ninguén se lle escapa que todos estes problemas que estamos a enfrontar nós veñen do seu goberno. Pedimos máis respecto e menos ruído, máis crítica construtiva e máis traballar polo pobo e polos veciños. Pedímoslle a Emma Álvarez que reme a favor do traballo e dos veciños e que deixe dunha vez por todas de poñer trabas no camiño buscando protagonismos”.

Exit mobile version