Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Municipal do PP de Lourenzá censura a actitude ditatorial e de burla que emprega o Goberno local nos Plenos

Lourenzá, 19 de marzo de 2016.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Lourenzá tacha de “moi censurable” a actitude da alcaldesa e do resto do equipo de Goberno da localidade cara aos representantes populares na corporación local. A voceira dos populares, Emma Álvarez Chao, asegura que o comportamento da alcaldesa e do seu grupo de Goberno nas sesións plenarias é “ditatorial” e recorren a “burla” como modo de resposta á labor de fiscalización dos populares, que están a cumprir coa súa responsabilidade.

Na última sesión plenaria, a alcaldesa non contestou ningunha das sete preguntas trasladadas polos populares. Unha situación que se “está a repetir de xeito continuado en cada pleno”, asegura Álvarez Chao. A voceira popular pon como exemplo, entre os casos dados, que tras interesárense os populares polos desbroces en pistas acometidos con cargo a medios propios, a resposta da rexedora socialista limitouse a un “as mesmas ca vostede”, sen especificar en que camiños actuaron.

“Esta evasiva nas preguntas demostra que ou non saben o que pasa no Concello ou pola contra buscan ocultar a información”, considera Álvarez Chao. Neste caso, a voceira dos populares asegura que “nos gustaría coñecer o motivo, a que xogan e o porqué se limitan a botar balóns fóra”.

“Creo que esta non debe ser a actitude dos que se din próximos ao pobo, non contestar ás preguntas que lles fan nos plenos”, a maiores de que a “situación de pasotismo que se está a dar no Concello é de tal magnitude que dende que están no Goberno non atenderon a ningún dos rogos trasladados polo PP e que responden a peticións e demandas dos propios veciños”.

A alcaldesa e o seu equipo de Goberno está a mofarse do máximo órgano de Goberno local, o Pleno, dos veciños e do edís populares aos que se dirixen de xeito irrespectuoso durante as sesións plenarias. “Limítanse a facer xestos cara os asistentes, – dada a pouca difusión que lles dan aos plenos, asisten maioritariamente de público membros de anteriores listas socialistas-, co obxecto de rirse dos que estamos a desempeñar con seriedade a nosa función como membros da corporación e representantes dos veciños”, explica a popular, ata o punto de empregar expresións dirixíndose a voceira como a de “chorradas, esta non aprende”, no lugar de responder ás preguntas.

“Non escatiman en mentir no pleno”, sesións que converten en “auténticas ditaduras, non nos deixan falar”, ademais de negarse a recoller en acta as intervencións en Pleno. “Pedímoslles que as graven e negáronse”, manifesta a voceira, situación que obriga aos populares a votar en contra da aprobación das actas. “Estamos ante un Goberno que busca dar unha imaxe totalmente oposta a que practica, xa que mentres aproban decretos de participación cidadá, limítannos as intervencións, pese a que somos a voz dos veciños”, reitera a popular.

Exit mobile version