Santiago, 10 de marzo de 2016.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, considerou este xoves “satisfactorio o esforzo feito polo Goberno galego para repoñer na oferta de emprego público de sanidade para o presente ano o 100 por cento das vacantes xeradas en 2015, que se pode levar a cabo polas boas cifras dos últimos exercicios e o control do déficit”.
Aurelio Núñez explicou que na Comunidade galega xeraranse en 2016 un total de 2.644 prazas de emprego público, das que 714 serán na administración xeral, 1.112 en educación e 818 en sanidade. Estas prazas serán provistas polo sistema de concurso-oposición, co establecemento de quenda libre, promoción interna e quenda de discapacitados.
Cobertura temporal
“Esta oferta é continuación das anteriores dos anos 2012, 2013, 2014 e 2015, que en conxunto supoñen máis de 1.600 prazas no sistema sanitario público de Galicia”, subliñou Núñez Centeno.
O portavoz popular sinalou que as taxas de reposición de efectivos do SERGAS aplicada nas ofertas de emprego público “non condicionou a cobertura temporal de profesionais, co obxectivo de garantir en todo momento a continuidade efectiva da actividade asistencial”.
Neste sentido, engadiu que “os picos derivados de situacións puntuais que determinen a esixencia de reforzos de persoal son circunstancias que obrigan á formalización de nomeamentos de carácter eventual”. “A duración destes nomeamentos ven determinada polas necesidades asistenciais identificadas polas respectivas xerencias, segundo a súa capacidade organizativa”, apuntou.