Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular defende a posta en marcha de axudas para as flotas afectadas pola rebaixa da cota de pescada sur

Santiago, 22 de marzo de 2016.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, amosouse partidario este martes no Parlamento do outorgamento de axudas para a paralización temporal da actividade das flotas de volanta, rasco e palangre de fondo que operan no caladoiro nacional Cantábrico-Noroeste e que están a verse afectadas pola rebaixa da cota de pescada sur.

Balseiro lembrou que esta foi unha das demandas formuladas pola Xunta de Galicia ao Goberno central, ante quen tamén pediron a elaboración dunha análise exhaustiva dirixida a obter a ampliación das posibilidades de pesca mediante o intercambio con outros países ou flotas que non consuman a súa cota asignada.

MELLORA BIOLÓXICA DA PESCADA SUR
Na súa intervención na comisión de Pesca, Balseiro amosou a súa sorpresa porque os nacionalistas pidan agora recuperar un plan do que, insistentemente e durante todo o tempo da súa vixencia, reclamaban a súa derrogación.

Porén, o portavoz popular defendeu a utilidade das medidas de recuperación adoptadas, confirmadas polos informes científicos que acreditan unha a mellora na biomasa de reprodutores (ata as 18.000 toneladas), o descenso da mortalidade por pesca e o crecemento do número de novos individuos neste stock. “Polo tanto, mellorouse a situación dentro do límite biolóxico de seguranza, que está establecido en 9 toneladas e temos 17 toneladas”, apuntou.

Balseiro lembrou tamén que “hoxe as cotas da pescada sur son un 50 por cento superiores ás que existían cando PSOE e BNG gobernaban na Xunta, co agravante de que daquela estaba o gasóleo a prezos desorbitados” e indicou que, “pese aos recortes dos últimos anos no TAC, a negociación liderada polo actual Goberno galego foi quen de reducir a pretensión inicial da Comisión Europea de impoñer unha redución de cota do 60 por cento respecto á que se dispoñía en 2015”.

RESPECTAR Á XUSTIZA E ÁS FORZAS DE SEGURIDADE
Por outra banda, o deputado do Grupo Popular Vidal Martínez-Sierra asegurou que o Partido Popular defende e respecta a acción da Xustiza e das Forzas de Seguridade no tocante ás sancións administrativas e procedementos xudiciais que se promoveron tras os altercados que aconteceron en varias manifestacións de parte dos profesionais do cerco.

“Desde o PP censuramos a dobre vara de medir da oposición que, cando estaban no Goberno, non pediron o arquivo das sancións que se impuxeron aos profesionais do mar que daquela protestaban contra a xestión da Xunta bipartita”, lembrou Martínez-Sierra, quen lamentou que “naquel momento socialistas e nacionalistas defenderan cotas de pesca moito menores e cuns prezos do combustible moito máis elevados que afogaban a flota”.

Exit mobile version