Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular lembra que a Xunta traballa na elaboración dun decreto que regulará as plantacións de eucaliptos

Santiago, 30 de marzo de 2016.- O voceiro da área forestal do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, defendeu este mércores no Pleno do Parlamento que a solución dos problemas do monte galego non pasa polas prohibicións indiscriminadas de determinadas especies arbóreas como propón o BNG, senón pola xestión racional dos recursos sustentada por instrumentos de ordenación forestal nos que xa vén traballando a Xunta de Galicia.

O portavoz popular lembrou que o Goberno galego está elaborando un proxecto de Decreto que regulará as plantacións co xénero eucalyptus en toda a Comunidade Autónoma, “conscientes de que, en amplas zonas do noso territorio, non resulta nin viable nin desexable as plantacións desta especie”.

Neste sentido, apuntou que esta normativa xa se complementa cos modelos silvícolas hoxe en vigor, xa aprobados polo Goberno galego en sete dos distritos forestais nos que se divide o territorio galego, e cos aspectos que se acorden incorporar no marco do proceso de revisión do plan forestal de Galicia.

Relevante fonte de ingresos
Con todo, Balseiro pediu ao BNG que “non xoguen a criminalizar determinadas especies forestais”. Deste xeito, concordou en que hai que regular o seu uso e os espazos nos que pode situarse, pero volveu a insistir en que “non ten sentido prohibicións indiscriminadas que parecen obviar, sen máis, a gran demanda de madeira de eucalipto, e que o seu aproveitamento constitúe unha fonte relevante de ingresos, non para unha empresa concreta, se non para centos e miles de propietarios forestais galegos”.

“Vostedes, que tanto presumen de coñecer a Galicia, invítolles a visitar zonas como a Mariña lucense, Ferrol-Terra, Ortegal ou a Terra Cha, entre outras moitas, onde o eucalipto representa a principal especie madeirable achegando, xunto co piñeiro, unha media anual de beneficios duns 1.000 euros por hectárea e ano”, salientou Balseiro. Ademais, sinalou que “poderán observar de primeira man montes ordenados e unha xestión forestal que fai compatibles todos estes intereses económicos cos distintos usos do territorio e coa protección da paisaxe autóctona”.

Exit mobile version