Foz, 28 de marzo de 2016.- Xa se coñece o nome dos gañadores da XIII Ruta das Tapas, que se celebrou en Foz do 24 ao 26 de marzo. O xurado valorou o sabor, a presentación, a orixinalidade e a atención, segundo explican desde a directiva de Acia/CCA.
A tapa gañadora é “O mar de Foz” de Fraggle Rock; o segundo premio é para “Campo Mariano” de Xoyma; e o terceiro premio do xurado é para “Rolo de filloa negra rechea de mousse de chipirón en tinta con salsa de queixo de San Simón, allo porro crocante e esferificaciones de queixo” de Cafetería Pastelería Anduriña. Precisamente foi esta tapa a elixida como a mellor presentada por parte do público, “foi a que conseguiu máis gústames a través do facebook de Acia/CCA de Foz”.
O Centro Comercial Aberto de Foz dá o parabén aos gañadores da XIII Ruta das Tapas, “agradecemos a participación dos 17 bares e restaurantes nesta décimoterceira edición e felicitámolos polo gran traballo realizado”.
Os premios da XIII Ruta das Tapas entregaranse no transcurso da cea anual de Acia/CCA de Foz, que se celebrará próximamente.
José Carlos Paleo, presidente de Acia/CCA, anuncia que “o próximo ano crearemos o premio para a Tapa da Mariña, co obxectivo de potenciar os produtos ecolóxicos, os nosos produtos, os da terra e os do mar desta zona”.