Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento galego aproba a iniciativa do Grupo Popular para afianzar a investigación científica dirixida a obter mariscos bivalvos máis resistentes

Santiago, 8 de marzo de 2016.- O Parlamento galego aprobou na tarde deste martes a iniciativa impulsada polo Grupo Popular na que se insta á Xunta a afianzar as liñas de investigación científica dirixidas a obter semente de bivalvos máis resistentes (ameixas, berberechos ou mexillóns, entre outras especies), menos vulnerables a pragas, parasitos e predadores.

O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, explicou que “non se trata de ningún experimento estrafalario senón en afondar nunha liña de investigación científica que busca a mellora xenética da semente producida, a través da selección natural daqueles individuos máis resistentes, de tal xeito que os profesionais dispoñan de produto en calidade e cantidade suficiente para facer o seu aproveitamento”.

4.000 familias galegas
En Galicia moitos destes esforzos científicos están a desenvolverse por organismos dependentes da Consellería do Mar, como o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) ou o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA)

Balseiro lembrou que “o marisqueo ten unha gran importancia en Galicia, tanto desde o punto de vista social como económico, e constitúe unha actividade laboral a salientar en centos de vilas e pobos da nosa costa”. Deste xeito, concretou que desta actividade dependen os ingresos de preto de 4.000 persoas, na súa maioría mulleres cando se trata do marisque a pé e, pola contra, o marisqueo á flote esta desempeñado fundamentalmente por homes.

Cotización dos mariñeiros en buques franceses
Por outra banda, Jose Manuel Balseiro formulou unha pregunta á secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro, interesándose sobre a situación na que se atopan as negociacións coas autoridades francesas para pactar a cotización dos armadores e tripulantes dos barcos galegos abandeirados en Francia

Desde a Xunta confirmaron que o ISM está redactando neste momento un convenio bilateral que subscribirá o Estado español e o francés, e que terá por obxecto manter o statu quo actual, é dicir, que aqueles que veñen cotizando en España poidan seguir facéndoo.

Balseiro insistiu na necesidade de que a Xunta manteña a súa posición activa en orde a acadar a sinatura deste convenio e facilite un fluxo de información permanente cos armadores e tripulantes, tal e como se vén facendo, para defender os intereses dos mariñeiros galegos.

Balseiro sostivo que a Consellería do Mar “nunca estivo de mans cruzadas na defensa dos intereses dos mariñeiros galegos e ata tal punto foi así que si Xunta e Goberno central non tiveran intervido a situación sería moi distinta e estaríamos falando de que, superado o mes de xaneiro, hoxe serían firmes moitas sancións potenciais sancións aos 530 mariñeiros implicados”.

Exit mobile version