Site icon Crónica3.com A Mariña

O presidente da Mancomunidade móstrase satisfeito tras ser finalista A Mariña nos Premios de Artesanía 2015 concedidos polo Ministerio de Industria

la foto 1A Mariña, 31 de marzo de 2016.- O Presidente da Mancomunidade, Alfredo LLano, asistía este xoves en Madrid á entrega dos Premios de Artesanía 2015 que concede o Ministerio de Industria e nos que A Mariña foi finalista na categoría Promociona para Entidades Locais. Llano dixo que a experiencia foi moi positiva.

Alfredo Llano manifestou: “estiven falando con membros do tribunal e dicíanme que o noso é un gran proxecto, pero que aínda ten que madurar un pouco máis e é verdade. Nosoutros imos promover e dimensionar moito máis esta ruta dos artesáns que temos como proposta porque a idea é extraordinaria, pero aínda hai que ampliala máis porque hai que recoller máis artesáns e cuestións que poidan ir para a promoción da nosa artesanía, o noso turismo e os nosos concellos polos que pase esta ruta”.

O presidente da Mancomunidade subliñou que “é unha honra estar aquí como finalistas porque quen gañou foi un Cabildo das Illas Canarias que xa levaba cincoenta anos con ese proxecto que hoxe levou o primeiro premio. Iso quere dicir que evidentemente hai que traballar as cousas e asentalas. Nosoutros levamos moi pouco tempo aínda con esta ruta. Realmente foi unha promoción que se fixo o ano pasado. A idea é boísima, hai que seguir madurando nela e vai dar o resultado para o que foi creada”.

E engadiu que “imos intentar perfeccionala este ano non coa finalidade de que gañe un premio senón coa finalidade de que A Mariña gañe, gañen os seus artesáns, gañen os seus concellos e gañen as rutas que queremos promover como unha oportunidade, turística, cultural e etnográfica e de produtos de calidade”.

Alfredo LLano indicou que “a experiencia en Madrid foi moi boa, temos a gran sorte de ser finalistas, hai que darse conta que todas as comunidades autónomas e moitísimas entidades porque hai cinco categorías, presentaron os seus proxectos e estar entre os tres mellores evidencia que deben estar moi contentos e realmente é así”.

Finalmente Alfredo Llano deu “os parabéns A Mariña de Lugo por estar finalista e desde logo o único que nos da isto é motivación e orgullo para seguir adiante con este proxecto”.

Exit mobile version