Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Lugo denuncia que se están utilizando os tempos xudiciais para cambiar os tempos políticos

Lugo, 12 de marzo de 2016.- A Xestora do PSOE na Provincia de Lugo e o Grupo Provincial Socialista na Deputación de Lugo mantiveron este sábado unha reunión urxente para “analizar a situación actual tras as noticias xudiciais publicadas onte, e filtradas aos medios de comunicación mesmo antes de que os propios afectados tivesen coñecemento das elas como vén sendo algo habitual na provincia de Lugo”, destacou o Presidente da Xestora. Loito Lago Lage indicou que “nós estamos aquí como representantes do PSOE de Galicia e o que imos facer é transmitir valoracións políticas e sensacións que teñen moitos militantes e, nos últimos tempos, moitos cidadáns da provincia de Lugo”.

“Utilízanse os tempos xudiciais para interferir e cambiar os tempos políticos”
“En primeiro lugar, o que queremos manifestar desde o PSOE de Lugo é o noso total e rotundo apoio, incondicional apoio, persoal e político, ao noso Secretario Xeral, José Ramón Gómez Besteiro, ao que cremos que é o mellor candidato socialista para sacar do Goberno de Galicia as políticas empobrecedoras do PP e de Feijóo. Porque estamos convencidos, totalmente, da súa honradez. Porque convivimos con el moitos anos, algúns mesmo no Goberno da Deputación, outros no partido. E estamos convencidos da súa inocencia. E tamén un apoio total porque sabemos que se están utilizando os tempos xudiciais para interferir e cambiar os tempos políticos”.

“Que se prepare Besteiro, que van a por el”
“Desde fai 3 ou 4 anos, moita xente desta cidade e desta provincia di: que se prepare Besteiro, que van a por el. E o problema de todo isto cremos que é que, unhas situacións de investigación, tamén chamadas de imputación, pasan os anos e todo queda en nada. Pero o dano, un dano insufrible e un dano irreparable, queda aí. Un dano que é particular, que o sofre a persoa, neste caso o noso compañeiro Besteiro; que o sofre a súa familia; un dano colectivo que se lle fai a un Partido, ao Partido Socialista desde hai anos, e un dano tamén colectivo que se esta facendo nestes momentos á cidadanía galega”.

“Con estas acusacións preténdese cambiar o candidato para beneficiar ao PP”
“Porque con estas acusacións se esta cambiando o candidato, ou pretenden cambiar o candidato socialista á Xunta, e preténdese deixar libre o camiño ao PP. Asegúrolles unha cousa: Feijoo non ten nada que falar con Rajoy se non se presenta Besteiro. Se así é, Feijoo anunciará a súa candidatura. Porque sabe que Besteiro pode, neste momento, gañarlle nas eleccións autonómicas. Como se repara ese dano particular e colectivo, que non ten volta atrás?. Está a conseguirse cambiar o calendario político polos tempos xudiciais?.

“Sensación de dubidosa imparcialidade”
“Tamén hai na cidade e en provincia de Lugo, así como en Galicia, unha sensación de dubidosa imparcialidade. Todos cremos nunha xustiza imparcial, pero ás veces algunhas actuacións xudiciais poñen en dúbida esa imparcialidade. Nunca entendemos como os sumarios que son secretos poden saír novelados nos medios de comunicación, non o entenderemos nunca. Nunca entendemos, e podemos crer que hai unha certa imparcialidade, cando se abren procesos, operacións, desde fai 5 ou 6 anos, hai centos de imputados, cargos públicos imputados, e ningunha *instrución pechada, e ningún xuízo celebrado, e pasan os anos, e pasan os anos. Por tanto, esa dubidosa, dalgunha actuación xudicial, imparcialidade, hai moita xente que ten esa sensación de dúbida de imparcialidade”.

“Tampouco axuda a crer na imparcialidade, cando ven nos medios de comunicación correos electrónicos entre avogados duns casos e xuíces doutros, e ao cabo dun ano ou dous, cando non levan ben, denúncianse uns a outros. Non se como un cidadán pode crer nesa imparcialidade e maniféstao moita xente como se pode crer nesa imparcialidade”.

“Como se pode crer nesa imparcialidade cando se notifica, por exemplo, a persoas que xa non están na Deputacion de Lugo desde hai case un ano, alí as súas imputacións, pois o normal sería facelo no seu domicilio”. E non só iso. Senón tamén cando, antes que os propios afectados, a prensa xa coñece estas investigacións e notificacións”.

“Besteiro non é un caso illado”
“Os tempos xudiciais inflúen nos tempos políticos. Besteiro non é un caso illado. Aquí está e Alcalde de Pedrafita, que hai uns anos tamén foi imputado. Tivo que dimitir como Deputado Provincial e pediu a baixa no partido. Ao cabo, curiosamente, de longo tempo, 4 ou 5 anos, foi arquivado o seu caso. Quen repara ese dano político e no persoal”.

“Agustín Fernández, ex Alcalde de Ourense, imputado 4 ou 5 veces. Como estaba imputado, el mesmo decidiu non ir ás eleccións de Ourense, non foi candidato á alcaldía. Pasadas as eleccións, arquiváronse todos os casos menos un. Non foi o candidato á alcaldía e o PSOE non goberna en Ourense”.

“Áurea Soto, ex Concelleira de Urbanismo en Ourense, posible candidata e boa candidata do PSOE en Ourense cando o deixou Agustín. Tamén acusada. Curiosamente, 5 ou 6 meses despois das eleccións municipais, sentenza absolutoria ao seu caso”.

“Pepe Branco, imputado en 2012, dano persoal, dano social, ríos de tinta e de imaxes. Ao ano seguinte, desimputado”

“Orozco, anterior Alcalde de Lugo con varias imputacións. Xa leva varios arquivos. El mesmo decidiu deixar a Alcaldía de Lugo. Perdemos un gran alcalde en Lugo, quizais o mellor dos últimos tempos. Quen vai reparar ese dano cando todo quede en nada?”.

“Manuel Valeriano Alonso de León, Alcalde de Camariñas, tamén imputado por negociación prohibida a funcionarios no ano 2011. En xaneiro deste ano foi desimputado. Se dimitise, hoxe non sería alcalde de Camariñas con maioría absoluta”.

“Lara Mendez, Alcaldesa de Lugo, que foi incomunicada varias horas, detida, imputada. Ao cabo de 5 anos, arquivouse o caso. Desimputouse?”.

“José Ramón Rabade, imputado polos seus anos como Concelleiro en Lugo. Tras 4-5 anos, todo queda en nada”.

“Mesmo este que lles fala. Tres veces imputado, como sempre, tempos políticos adecuados, electorais. Tres veces e nunca tiven que ir declarar”.

“Todo isto dános que pensar que hai que ter moito sentido común ás veces. Que a cidadanía é verdade que ten sensacións raras, sensacións de que se están actuando ás veces xudicialmente e interferindo no dereito democrático, no dereito á participación política. Hai unha influencia sen dúbida e estámolo vendo”.

“Cando hai noticias malas para Feijóo ou eleccións, investigan a Besteiro”
“Vostedes collen a prensa dos últimos días, e collen o que sae da imputación de Besteiro, e verán que cada vez que hai eleccións, ou cada vez que houbo unha noticia mala para Feijoo, como o paseo no barco cun narcotraficante, cada vez que sae algo diso, ao día seguinte, ou aos dous días, noticia sobre a imputación ou sobre a investigación do caso Besteiro. Feijóo esta esperando, unicamente, que pasa con Besteiro e que decide Besteiro, para tomar o a súa decisión”.

“Ser político do PSOE en Lugo leva un problema: presunción de inocencia”
E por último, dicirlle algo que nos trasladan moitos compañeiros, e que os vimos nas últimas eleccións municipais. Tivemos moitos problemas con moitos compañeiros que integraban as listas socialistas municipais para a alcaldía ou para ser concelleiras, porque todos tiñan esa sensación de que hoxe ser político nas listas do PSOE na provincia de Lugo leva consigo un problema, e é a presunción de inocencia. Ser político socialista na provincia de Lugo leva esa sensación”.

“Todo o mundo é culpable ata que se demostra que é inocente”
“Moitos compañeiros non querían ir nas listas do PSOE. Hai unha cousa clara, e é que o Estado de Dereito funciona. Cando se descobre un delito, investígase o delito e búscanse os indicios e as probas que nos leven aos autores do delito para acusalos. O que esta pasando, curiosamente, e iso tamén nolo comenta todo o mundo desde hai tempo, é que, neste caso, búscase unha persoa e investígaselle todo o que se pode para ver se atopa o delito. Isto, en termos xurídicos, xente experta chámalle inmersión da carga da proba. Todo o mundo é inocente ata que se demostre o contrario. Pero, neste caso, todo o mundo é culpable ata que se demostra que é inocente”.

Ata a Garda Civil sabe o que ten Besteiro
“Besteiro fixo algo que moi poucos políticos en Galicia e nesta provincia fixeron, e é un exemplo para todos. Fíxose un escáner contable e patrimonial. Todo o mundo sabe, ata a propia Garda Civil, que é o que ten. O pouco que ten Besteiro correspóndese, exactamente, cos salarios que recibiu durante a súa vida laboral e durante os cargos que tivo. Por tanto, o noso apoio total a Besteiro. Creo que a gran parte do PSOE en Lugo apóiao totalmente como político e como candidato á Xunta. Porque cremos na súa inocencia e na súa honradez. E porque creo que moitos de vostedes, convivindo estes anos na súa profesión e coa súa actividade política na Deputación, saben que fixo un traballo exemplar desde todos os puntos de vista na institución provincial”.

“Declarándose pre-investigado”
O portavoz provincial socialista en Deputación de Lugo, Álvaro Santos Ramos, destacou que “dan ganas de empezar esta rolda de prensa declarándose pre-investigado, unha situación que na provincia de Lugo dá a sensación que é fácil atopase. Porque, hoxe, a condición de socialista ou cargo público do PSOE nesta provincia parece que leva aparellada unha presunción de culpabilidade”.

“Parece que acaban de convocar eleccións en xuño para a Xunta de Galicia”
Santos Ramos indicou que “cando onte tivemos coñecemento destas investigacións, o primeiro comentario que recibín de alguén alleo á política e á propia Deputación de Lugo foi: parece que se acaban de convocar eleccións en xuño para a Xunta de Galicia. Isto convidoume a reflexionar. Porque na previsibilidad de que Feijóo adiante as eleccións dentro da súa estratexia electoral, facéndoas coincidir coas eleccións xerais de volver celebrarse, que terían lugar a finais de xuño, é fácil caer no racionamento lóxico de que as primarias do PSOE en Galicia terían que ter lugar na primeira quincena do mes de maio, cando Besteiro está citado a declarar. Non se se é casualidade ou non, pero permítanme, dentro da miña ignorancia xurídica, que teña polo menos dúbidas, que veñen referendadas por unha historia xurídico-política na provincia de Lugo, e que afecta, directamente ou con maior intensidade, ao PSOE e á Deputación de Lugo nos últimos anos”.

Coincidencia dos tempos políticos e xurídicos
“Logo están a coincidencias dos tempos políticos e xurídicos, que moitos cidadáns cuéstionanse”.

“Hai unha primeira coincidencia, que é cando Besteiro dá un paso firme para presentarse ás primarias da Secretaria Xeral do PSOE en Galicia, alá por finais do 2012. Nese momento, paralelamente, no Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo empézase a falar do caso Garañón. Pero, curiosamente, o mencionando ao PSOE, Orozco e Besteiro, pero non se acorda do Partido Popular, que foi quen aprobou o Plan Xeral que dá edificabilidade a ese edificio. É máis, o PP aprobou a construción de varias torres no Garañón e o PSOE, posteriormente, reduciu a súa edificabilidade para aumentar as zonas verdes e baixar o seu volume”.

“A segunda coincidencia. Besteiro deixa a Presidencia da Deputación de Lugo, o Partido Popular bloquea no Parlamento o seu nomeamento como Senador por designación autonómica, nun caso sen precedentes; e o Xulgado de Instrución Número 1 emite a súa imputación express no Garañón. Express porque a xustiza nin tan sequera tiña nese momento a documentación sobre as contas bancarias de Besteiro, imprescindibles, á miña entender, para decidir investigalo por eses presuntos delitos”.

“Terceira coincidencia. Despois de que Besteiro, por iniciativa propia, entregase á xustiza toda a documentación relativa ás súas contas, e mentres no Parlamento tentábase desbloquear o seu nomeamento como Senador, o Xulgado de Instrución Número 1 decide pospoñer a súa declaración a escasas horas de que esta tivese lugar, xustificando que non tiña a información sobre as súas contas”.

“Cuarta coincidencia. Cando estamos en pleno debate sobre a celebración de eleccións autonómicas en Galicia e, por tanto, sobre a convocatoria de primarias no PSOE galego para elixir o candidato socialista á Xunta, o Xulgado de Instrución Número 1 decide chamar a Besteiro a declarar o mesmo día que os seus avogados están no xuízo dunha macrooperación na Audiencia de Málaga. Besteiro pide que se lle adiante ou pospoña, polo menos 1 día, a súa declaración, pero a xustiza non o permite. Pola contra, ao Presidente da Deputación de Ourense, do Partido Popular, investigado por un presunto caso de acoso laboral, si se lle apraza a súa declaración porque ten unha viaxe a Euro-Disney”.

“Quinta coincidencia. Un día despois de que Pedro Sánchez veña a Galicia e transmita a Besteiro o seu incondicional apoio, o Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo volve practicar unha imputación express a Besteiro, agora pola operación Pulpo”.

“Coincide o mellor candidato á Xunta coa xuíza máis politizada en beneficio do PP”
“Todo parece indicar que coincide no tempo o mellor candidato a presidir a Xunta de Galicia coa xuíza máis politizada. E isto a quen beneficia? Todos os saben: ao Partido Popular. E esta é a coincidencia que hai. O mellor candidato, o que ten as ideas, o que ten proxecto para Galicia, o que ten o aval de goberno durante ano e que pode sacarlle a cadeira de brazos a Feijóo coincide na provincia de Lugo co xulgado máis politizado e *mediatizado da contorna. E isto só beneficia ao Partido Popular”.

Unha macro-operación que parte dunha denuncia por caso laboral
“Non podo deixar de analizar de onde xorde esta macro-operación Polbo, que veremos se algún día péchase, como, e con que secuelas e consecuencia. Todo isto procede dun presunto caso de acoso laboral, consecuencia dunha denuncia dunha traballadora da Deputación a outro compañeiro de traballo. E unha denuncia de seica laboral entre compañeiros acaba cunha imputación do ex Presidente da Deputación, de funcionarios que nada teñen que ver co servizo de onde parte esta denuncia, xa se saberá, e cunha investigación política máis nun tempo crucial para o Secretario Xeral dos Socialistas en Galicia”.

Erros gravísimos
“Segundo a información que transciende nos medios de comunicación e que achega a xustiza, atribúenselle a Besteiro acciones do Goberno do PP na Deputación de Lugo. Por exemplo, viaxes a Euro-Disney, a Cruceiro no Rhin, India ou Ámsterdam; todas estas viaxes foron subvencionados polo Partido Popular na Deputación de Lugo a funcionarios ou fillos de funcionarios. É un erro gravísimo trasladar esta información á cidadanía. Estas viaxes son anteriores ao 2006, anteriores á etapa de José Ramón Gómez Besteiro na Deputación de Lugo. Ademais, se se cuestionan estas viaxes, por que a xustiza non investiga ao Partido Popular?. É máis, baixo a Presidencia de Gómez, o Goberno Provincial da Deputación anulou a partida de viaxes para funcionarios e fillos de funcionarios que ata entón, co Partido Popular, había na institución. É difícil de entender. Cuestiónanse unhas viaxes e atribúenllos a quen, precisamente, anulounos. Cústame entendelo como político e cidadán”.

“O gasto social non o inventou Besteiro”
“Con respecto ao gasto social. *Hai que lembrar que o gasto social trátase dunha partida para axudas a funcionarios ou fillos de funcionarios, que compensan gastos non cubertos pola Seguridade Social, ou axudas para a compra da primeira vivenda, gardería e estudos. A maioría das administracións públicas e, desde logo, todas a Deputación de Galicia, teñen axudas desta natureza. Non as inventou a Deputación de Lugo”.

As axudas sociais aprobounas o PP en 1990
“No caso da Deputación de Lugo, o gasto social está sustentado no Convenio Colectivo de Persoal Laboral, publicado no Boletín Oficial da Provincia o 30/08/90; e no Acordo Marco de Persoal Funcionario, publicado no Boletín Oficial da Provincia o 31/01/91. Foron aprobados polo Pleno Provincial da Deputación coa maioría absoluta e a Presidencia do PP no Goberno da Deputación de Lugo”.

Besteiro recortou nun 50% estas axudas
“Coa entrada do Goberno Provincial de José Ramón Gómez Besteiro, no ano 2007, iniciouse unha política de racionalización do gasto social, pola que se recortaron progresivamente os gastos sociais. Por certo, o gasto social tamén se mantivo durante a Presidencia de Elena Candia, do Partido Popular. Desde 2007, cando Besteiro accede á Presidencia da institución, sen suprimir ningún dereito, recortáronse gastos superfluos e suprimíronse conceptos, como as citadas viaxes. Isto supuxo que, en 2015, tras 8 anos de Goberno de Besteiro, estes custos, os gastos sociais, recortásense nun 50% con respecto ao 2006 cando o PP estaba a gobernar na Deputación. Por todo isto, pedimos ou rogamos certa cautela á hora de trasladar a información polo menos desde instancias xudiciais. Porque estamos a poñer en dúbida cuestiones que nin se inventaron agora, nin son tan graves como se pretende facer ver. Pido prudencia”.

Crer na xustiza si, pero non no proceder de todos os xuíces
“Cremos, evidentemente, no dereito á información. Pero non nos parece xusto que teñamos que decatarnos polos medios da nosa situación xudicial. Parécenos que devalúa, precisamente, a xustiza. Se me preguntan se creo que a política lles direi que si. Se me pregunta se confío no proceder de todos os políticos, direilles que non. Se me pregunta se confío na xustiza, direi que si. Se me pregunta se confío no proceder de todos os xuíces, direilles que non”.

Cautela para todos
“Pido respecto porque os políticos estamos expostos pero os funcionarios non. Non podo deixar de lembrar que, antes das eleccións municipais de 2011, non só compañeiros, como Lara Méndez, senón tamén funcionarios da Deputación foron detidos. A algunha lle sacaron á súa filla dos brazos diante da gardería. E todo quedou en nada. Pero había eleccións nuns meses. Todos debemos ser cautelosos, os políticos, pero tamén a xustiza”.

Confianza nos funcionarios da Deputación de Lugo
“Manifestar en nome do Grupo Provincial Socialista e en nome do Goberno Provincial da Deputación de Lugo nosa confianza absoluta nos funcionarios da Deputación de Lugo, neses funcionarios e na súa obxectividade, que está posta en dúbida agora mesmo. O que trascende non é só unha investigación, é tamén unha verdadeira acusación extensiva que, en aparencia, vai moito máis alá. Absoluta confianza total nos funcionarios que traballan ou traballaban na Deputación de Lugo, que o único que fixeron ata agora é defender, honradamente, o seu traballo e o seu posto de traballo que gañaron con méritos propios, como moitos outros funcionarios de diferentes administracións”.

“Dános pena que se magnifique o que parece un conflito político, e que se estenda a persoas que nada teñen que ver coa política, a persoas que teñen as súas familias, que gañan os seus salarios honradamente e que colaboran, desde as súas competencias e as súas funcións, co desenvolvemento desta provincia e a boa imaxe que, por moito que se empeñen algúns, ten a Deputación de Lugo”.

Herdeiros dunha das Deputacións máis transparentes de España
“Moitos membros do actual Grupo Provincial Socialista da Deputación de Lugo compartimos Goberno con Besteiro. E hoxe somos herdeiros dunha das Deputacións máis transparentes de España, unha das que máis inviste por habitante en España, a Deputación que máis inviste por habitante en Galicia, unha Deputación que saíu do escurantismo do Partido Popular, da repartición en despachos de diñeiro público, cara a un modelo no que todos os cidadáns da provincia podían beneficiarse e ser axudados pola Deputación de Lugo. Iso é o que pasou de verdade. Centenares de empresas, de asociacións, 67 Concellos que, cando o necesitaron, tiveron aí á Deputación de Lugo para seguir garantindo que de norte a sur da provincia houbese bos servizos e calquera cidadán puidese acceder a eles, independentemente de onde vivises. Como membros que fomos do Goberno de Besteiro e compañeiros, confiamos, absolutamente e plenamente, na inocencia e honradez de Besteiro. Porque o coñecemos e sabemos o boa persoa que é, e sabemos como o gusta traballar, e o respecto que ten ás institucións e aos instrumentos de fiscalización”.

“Non podemos permitir que se siga a cuestionar desta maneira a imaxe da Deputación de Lugo. De verdade. No plano político, aínda que nos custe, teremos que entender que pasen estas cousas. No ámbito do persoal e da familias de funcionarios é moi difícil de entender”.

Exit mobile version