Site icon Crónica3.com A Mariña

O soño continúa: O Burela FS de novo nas semifinais da Copa de España

©LNFS / Dani MullorBurela, 10 de marzo de 2016.- “É imposible non estar orgulloso deste grupo” dicía emocionado ao finalizar o partido Daniel Ibañes, e non é para menos porque o humilde CD Burela FS Pescados Rubén volve facer historia, na súa segunda Copa de España repite e plántase nas semifinais. Intenso ritmo inicial e disciplina defensiva, cun gran traballo colectivo déronlles o billete aos laranxas para pelexar entre os catro mellores o sábado, despois de impoñerse por 3-6 ao Catgas E. Santa Coloma, levando sempre a batuta no electrónico.

Comezou a contenda certamente equilibrada, aínda que co paso dos minutos Burela FS fíxose dono da ofensiva. Petry fixo suspirar á Marea Laranxa asistido por Isi desde a banda; cumpríase o minuto 9 de xogo, con ampliación a 0-2 de Chano, de penalti, tras a falta sinalada a Fabián. Dominio do partido para Burela FS, con pouco traballo sobre os paus de Edu; aínda que o naronés nada puido facer ante Adolfo no minuto 13, que recibiu un pase de Dani Salgado e superou á defensa laranxa. Recuperou a iniciativa o equipo de Daniel Ibañes para seguir provocando erros nas filas do Catgas. Iago Míguez coouse entre a defensa catalá polo centro para colocar un espectacular gol. Mitigou lixeiramente o Santa Coloma a alegría laranxa co killer Dani Salgado, pero Antoñito, sempre inspirado nas citas copeiras, volveu ampliar a brecha aos poucos segundos, escapando entre dous defensas de Santa Coloma cun gran control fronte a Prieto. Con 2-4, volveu facer acto de presenza a correcta finalización de Petry, a pase de Iago Míguez en galopada.

Edu, garantía dos galegos, contivo as tentativas do Catgas na continuación. Optou o Burela FS Pescados Rubén por reducir o ritmo frenético que lle outorgou a vantaxe no primeiro período; plantouse ben a defensa dos de Daniel Ibañes, perfectamente pechados ante Catgas. Os de Burela FS cumpriron a quinta falta a falta de pouco máis de nove minutos para o final. Apostaron os cataláns por xogo de cinco con Sepe. Cando parecía que podía comezar outro partido, chegou o sexto dos laranxas, nas zapatillas de Chino, que quedou só para recibir un saque de banda (minuto 32). Rozou o pau Dani Salgado e saíu á caza de Edu ante Adolfo, pero nada puido o naronés fronte á terceira tentativa consecutiva, cun retroceso de Rafa López a Dani Salgado (3-6, minuto 35). Mantivéronse firmes os galegos na pelexa na liña de meta laranxa para a falta de tres minutos. Adolfo reduciu nas últimas rabexadas con 4-6.

Movistar ou Palma Futsal serán o rival dos burelistas o sábado (18.00 horas, Teledeporte). Esperámosvos. “Por que non?”

Ficha técnica
Catgas E. Santa Coloma: Prieto, Rubén Adolfo, Dani Salgado, Rafa López, cinco inicial; tamén xogaron Fabián, Sepe, Pablo do Moral, Curvo

CD Burela FS Pescados Rubén: Edu, Isi, Chano, Carlitos, Chino, cinco inicial; tamén xogaron Iago Rodríguez, Antoñito, Petry, Iago Míguez

Goles: 0-1, minuto 9, Petry; 0-2, minuto 9, Chano; 1-2, minuto 13, Adolfo; 1-3, minuto 16, Iago Míguez; 2-3, Dani Salgado; 2-4, minuto 16, Antoñito; 2-5, minuto 17, Petry; 2-6, minuto 32, Chino; 3-6, minuto 35, Dani Salgado; 4-6, minuto 38, Adolfo

Árbitros: Gutiérrez Lumbreras // Lope Díaz (Madrid). Por Catgas amarela a Fabián (minuto 9), Adolfo (minuto 34)

Incidencias: Partido inaugural da XXVII Copa de España Guadalaxara 2016 correspondente a cuartos de final disputado no Palacio Multiúsos de Guadalaxara.

Exit mobile version