Site icon Crónica3.com A Mariña

O Vicepresidente da Deputación de Lugo recibe aos beneficiarios das bolsas de deportistas individuais do 2015

depor-indLugo, 2 de marzo de 2016. O Vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, fixo entrega dun diploma aos deportistas lucenses premiados no 2015 cunha das 200 bolsas económicas que concedeu a Área de Deporte. Ao acto asistiron mozos e mozas dunha vintena de modalidades deportivas diferentes, entre as que destacan por número de beneficiarios o atletismo, natación, loita, taekwondo ou tiro olímpico.

A Deputación concedeu 70.000 euros en bolsas económicas en decembro do 2015, das cales 133 foron parar a deportistas de até 16 anos, 55 para atletas de até 26, 7 para persoas de até 35 anos e 5 para os deportistas que estiveron lesionados na tempada deportiva do 2015 ou practican algunha modalidade de deporte para capacidades diferentes, neste senso o Vicepresidente recalcou “o bo momento que está a atravesar o deporte na provincia de Lugo, e o que me crea máis ledicia, o bo futuro que esperamos ter, pois o 60% dos beneficiarios apenas chegan aos 16 anos e temos un gran número de deportistas femininos que a ben seguro nos darán mais dun titular grazas aos seus logros deportivos”.

Veiga quixo agradecer a presenza de moitos dos deportistas premiados, así coma dos seus pais e nais “a pesares de que son horas nas que os mozos e mozas teñen adestramentos así coma actividades extraescolares”, tamén tivo palabras de recoñecemento para a importante labor que realizan os pais e nais dos deportistas porque “detrás de cada éxito deportivo hai un gran esforzo tanto do propio deportista coma dos seus proxenitores”.

“Os deportistas lucenses seguirán contando co apoio da Deputación tamén no 2016”, así o fixo saber o Deputado-Delegado de Deporte, que xá avanzou que para o ano en curso a Deputación aprobará unha nova edición das bolsas para deportistas individuais e aclarou que “como mínimo manteremos o esforzo económico nesta liña de actuación que recordemos tivo preto de 350 solicitudes na última edición”.

Exit mobile version