Site icon Crónica3.com A Mariña

Os comerciantes do Centro Histórico de Viveiro poñen en marcha a Campaña do Día do Pai coa que sortean 2 entradas para o Gran Premio de España de Fórmula 1

A Asociación de Comerciantes Centro Histórico de Viveiro pon en marcha a partir deste venres 11 de marzo a Campaña do Día do Pai. Nesta ocasión apostamos por seguir premiando a fidelidade dos nosos clientes con algo especial para celebrar esta data, o sorteo de 2 entradas para o Gran Premio de España de Fórmula 1, que se celebra no circuíto de Montmeló, en Cataluña. As entradas son válidas para o 13, 14 e 15 de maio, o premio inclúe o voo a Barcelona, aloxamento e coche para desprazamentos. Unha actividade para gozar xunto a papá, independentemente da idade.

Os interesados poderán participar entregando un ticket de compra de calquera dos negocios asociados ao CCHV, cun importe mínimo de 10 euros, na carpa que se instalará na Praza Maior o sábado 19 de marzo. No reverso do ticket poñeranse os seus datos de contacto e depositaranse nunha urna habilitada para o efecto. O horario será de 11.30 a 14.00 horas e de 17.30 a 20.30 horas.

Os tickets serán válidos polas compras realizadas desde o venres 11 ata o sábado 19 de marzo.

Só se poderá participar con tickets de valor a 10 euros ou superior (non se permite a acumulación de varios tickets de cantidades inferiores ata sumar os 10 euros).

O sorteo realizarase o luns 21 de marzo ás 16.00 horas nas oficinas da Asociación, comunicándoselle de inmediato ao gañador. En caso de renuncia ao premio, procederase á extracción dun novo ticket ata que apareza gañador.

Os obxectivos perseguidos con todas as campañas que pon en marcha a asociación, son por unha banda a de premiar a fidelidade dos clientes que apostan por comprar no comercio local, e por outra banda fomentar a unión de todos os comerciantes da zona para traballar en conxunto e dinamizar o comercio de Viveiro.

As bases do sorteo e toda a información pódese consultar na web www.viveirocentro.com, no perfil de Facebook, Twitter e Instagram.

Exit mobile version