Site icon Crónica3.com A Mariña

Panadería Torviso inaugura novas instalacións na rúa Reinante de Ribadeo

torvisoRibadeo, 12 de marzo de 2016. Coa presenza de numerosos clientes Panadería Torviso, de Ribadeo, celebrou este sábado a inauguración das súas novas instalacións, con despacho e obradoiro, que están situadas na rúa Reinante, número 22, en pleno centro da vila ribadense. É o primeiro traslado na longa historia deste negocio, que foi fundado en 1948.

Panadería Torviso foi creada nese ano por Manuel Torviso Barata no coñecido como Forno do Intre, lugar onde estivo a funcionar ata agora. Tras o falecemento do fundador seguiron rexentando o negocio a súa esposa, Jimena Pérez Alonso, e unha das súas fillas, María Asunción Torviso Pérez, que continúa á fronte do establecemento, ao que se incorporou recentemente a terceira xeración, concretamente o seu fillo: Manuel Franco Torviso.

Nesta tradicional panadería de Ribadeo, ademais de diversos tipos de pan, elabóranse bolería, doces, empanadas con diversos ingredientes e outra das súas especialidades son os asados. Ademais de servir os produtos no seu despacho tamén distribúen o pan en numerosos domicilios e establecementos do municipio ribadense.

A partir do próximo luns, día 14, Panadería Torviso atenderá aos seus clientes no novo establecemento da rúa Reinante, que agora estará aberto ao público toda a semana, incluídos os domingos, aínda que este día unicamente de 10.00 a 14.00 horas.

Exit mobile version