Site icon Crónica3.com A Mariña

Peripécia Teatro achega a Ribadeo unha interpretación portuguesa de “Novecentos. O pianista do océano”

O vindeiro domingo 13 de marzo chega ao Auditorio Municipal de Ribadeo desde Vila Real (Portugal) con Peripécia Teatro a historia do prodixioso pianista do Novecentos de Alessandro Baricco a través dunha peza en lingua portuguesa na que non faltarán o humor, a ironía e a música en directo.

Dirixida por Noelia Domínguez e interpretada por Sérgio Agostinho, Anxo Fragua, Luís Filipe Santos e Tiago Abrantes, “Novecentos. O pianista do océano”, tráenos a historia do pianista que nunca baixou do Virginia, o navío que percorría a principios do século XX as rutas de emigrantes e millonarios entre Europa e América.

“Dizia-se que a bordo do Virginian um tipo, no piano, fazia o que queria; música estranha, notas que não eram normais, pareciam quatro, as mãos, tal era a técnica. Se lhe apetecia tocava Jazz, se não, dez “jazzes” juntos! Músicas de outro mundo, ou deste! Todas as músicas da terra. Era de petrificar. Todas estas coisas se diziam, veio escrito em jornais, mas era mesmo verdade!”

Trataranse pois, cuestións como a amizade, a beleza e o poder da imaxinación, reflectíndose sobre o mundo dun xeito ben sorprendente. Mais non faltará a música. En “Novecentos” entran o humor e a poesía envolvidos pola música en directo, onde dous clarinetistas interpretan temas de estilos que van desde o ragtime ao klezmer, pasando pola tradición musical celta, e tamén temas orixinais.

Supón esta, unha xenial oportunidade para nos achegar a un clásico da literatura universal desde a perspectiva do teatro portugués. A representación de “Novecentos. O pianista do océano” terá lugar o domingo 13 ás 20.30 horas no Auditorio Municipal Hernán Naval.

O prezo de entrada único é de 4 euros.

Exit mobile version