A última viaxe do afiador relata a vida dos vellos afiadores que saían un día da súa casa detrás da roda para ir polo mundo adiante tratando de ganar un salario para vivir. Eran homes bravos, duros, curtidos de traballar nos campos dunha das zonas máis probes de Europa. Por iso as montañas galaicas cuspíanos ao mundo en viaxe a ningunha parte e coa única compaña do xirar dunha roda.
Tardou tres anos en ver a luz posto que se realizaron numerosas entrevistas aos fiadores de máis idade de Nogueira de Ramuín, San Xoán de Río e outros municipios de Ourense, ademais de Burgos, Palencia e La Habana.
Supón pois, unha moi boa oportunidade de nos achegarmos a este oficio tradicional a través da propia experiencia dos afiadores. A proxección terá lugar na Escola de Rinlo e comezará ás 17.30 horas.