Site icon Crónica3.com A Mariña

Técnicos do programa Reacciona 2020 informan este xoves en Mondoñedo a cidadáns e empresas sobre as oportunidades da eficiencia enerxética

Mondoñedo, 7 de marzo de 2016.- O Concello de Mondoñedo informa que técnicos do Programa de Impulso da Rehabilitación Enerxética e Sostible na Provincia de Lugo (Reacciona 2020) desprazaranse o próximo xoves, día 10, ata Mondoñedo para explicar tanto a cidadáns como a empresas as oportunidades da eficiencia enerxética.

En concreto, este programa, que se desenvolve ao abeiro dun convenio entre a Deputación e a Asociación de Empresarios da Construción de Lugo, agrúpase en dúas liñas de traballo, unha primeira dirixida a cidadáns e usuarios de vivendas e, unha segunda, destinada a empresas e traballadores.

A liña destinada a cidadáns busca sobre todo a sensibilización da sociedade para acadar os obxectivos 20/20/20, de rebaixa dun 20% do consumo enerxético, incremento dun 20% do uso da enerxía renovable e de rebaixa dun 20% das emisións de gases de efecto invernadoiro.

Así, para a súa difusión habilitarase unha unidade móbil na Praza do Concello dende ás 11:00 ata as 18:00 horas para informar aos cidadáns sobre a forma de rebaixar as súas facturas de enerxía e as vantaxes de facer melloras nas vivendas seguindo os criterios de eficiencia enerxética.

A segunda liña de traballo diríxese a traballadores e empresas e ten como eixe principal a divulgación da oportunidade de negocio que supón a rehabilitación enerxética así como a importancia da actualización de competencias. Neste senso, convócanse aos traballadores e ás empresas do sector a unha reunión cos técnicos no edificio do Centro Comarcal de Mondoñedo (Rúa Julia Pardo Montenegro, número 13), o mesmo xoves ás 19:00 horas, onde se exporán as oportunidades de negocio e de creación de novos postos de traballo que a rehabilitación enerxética pode xerar.

Exit mobile version