Site icon Crónica3.com A Mariña

Vitoria solvente do Burela Pescados Rubén ante un entusiasta Majadahonda

burela-majadahondaCómoda vitoria do Burela Pescados Rubén ante o Majadahonda FSF Afar4 por 6-1 nun duelo de control burelao durante os corenta minutos. O conxunto madrileño salvou os mobles no primeiro periodo pero na segunda parte non puido conter a superioridade local.

As mariñás abriron pronto o marcador cun tanto en propia porta de Elena e co 1-0 o efecto sorpresa das visitantes desapareceu. O Burela controlaba o partido e gozou de ocasións para aumentar a súa renda aínda que sen fortuna, no ecuador do primeiro periodo o Majadahonda estirouse un pouco e logrou xerar un par de ocasións para roldar o empate que non chegou. Ao filo de descanso Ceci aproveitou unha xogada de Peque para marcar o 2-0 co que se chegou ao intermedio. Tralo paso por vestuarios o Burela Pescados Rubén mantivo o seu dominio ante un entusiasta Majadahonda que se viu abrumado en canto as laranxas apertaron un pouco o acelerador. Maite e Peque transformaron o control burelés nunha maior distancia no electrónico (4-0). Nun par de minutos o Burela sentenciaba o partido aínda que as madrileñas recortasen distancias co 4-1 logrado por Gabriela. Apenas puido saborear o tanto a escuadra visitante xa que de novo o dúo dinámico formado por Peque e Maite apareceu en escena para marcar o 5-1 e 6-1, respectivamente. O Majadahonda probou fortuna co xogo de cinco sen éxito algún e o partido foise diluíndo ata o pitido final que certificou a vitoria burelesa.

Ficha técnica
CD Burela FS Pescados Rubén: Andrea, Peque, Ceci, Bea Mateos, Dany -cinco inicial -Claudia, Lara, Maite.

Majadahonda FSF Afar4: Laura, Arantxa, Elena, Celia, Mónica –cinco inicial -Gabriela, Marta Rodríguez, Peque.

Goles: 1-0, min.3 Elena (p.p); 2-0, min.20, Ceci; 3-0, min.27, Maite; 4-0, min.28, Peque; 4-1, min.29, Gabriela; 5-1, min.30, Peque; 6-1, min.31, Maite.

Árbitros: González Alvedro, Martínez Pena. A Coruña

Incidencias: Partido correspondente á 20ª xornada de Primeira División RFEF, disputado no pavillón Vista Alegre de Burela, 150 espectadores.

Exit mobile version