Esta acción, que tivo lugar nos xardíns do Museo de Lugo, é promovida pola plataforma galega “Salvemos Catasós”, que ten posto en marcha unha campaña para socializar entre a poboación galega a repulsa contra o proxecto eléctrico que a Xunta de Galiza outorgou a Gas Natural- Unión Fenosa para a construcción dunha liña de alta tensión entre O Irixo e Lalín, e que ameza con destruír o paraxe natural coñecido como Casas Vellas.
Desde a Plataforma Salvemos Catasós pretenden realizar esta acción expansiva realizando plantacións de carballos autóctonos en todos os concellos galegos. Xosé Ferreiro salientou “o apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo a esta acción reivindicativa, que hoxe facemos pública con esta plantación no xardín do Museo, e convidamos a todos os Concellos da provincia a sumarse á mesma, pola protección do noso medio natural e contra o expolio da nosa riqueza por parte das grandes compañías eléctricas”, indicou.
O Delegado de Cultura e voceiro nacionalista na Deputación de Lugo aproveitou este acto tamén para reclamar “a creación dunha tarifa eléctrica galega, o que contribuiría a que as galegas e galegos pagásemos menos no noso recibo da luz, ademais de poder apostar por modelos enerxéticos radicados no noso País , sustentábeis ambientalmente e cuxos fins non sexan o lucro a través do expolio dos nosos recursos, senón fins sociais e medioambientais”, indicou.