Site icon Crónica3.com A Mariña

A caracola de Cela

Entre os anos 1906 e 1908, en que foi trasladado a Carril, na ría de Arousa, residíu en Foz, no cargo de Administrador de Aduanas, Camilo Cela, escritor e xornalista, pai do Nobel de Literatura Camilo José. A estadía daquél na vila focega coincidíu coa de outros dous intelectuais: o mindoniense Antón Noriega Varela, eximio poeta, mestre na escola de Fondós e o viveirés Antón Vilar Ponte boticario, xornalista e político cuios anceios nacionalistas agromaran en Foz, según propia confesión, e que anos mais tarde, co seu irmán Ramón serían os principais impulsores das Irmandades da Fala, cuxo centenario se está a celebrar.

Da convivencia entre os tres homes de letras xurdíu a publicación do que foi o primeiro xornal editado en Foz, “¡Guau…Guau!” polo que Camilo José Cela, o fillo, se interesou alá polos anos sesenta e do que, que saibamos, só existía unha colección, incompleta. O autor de “La familia de Pascual Duarte”,”La Colmena”, “Mazurca para dos muertos”,”Del Miño al Bidasoa”, e outras famosas novelas, dirixiuse ó propietario da mesma ofrecénllole por ela as súas obras completas, adicadas. Non houbo acordo e o trato non se consumou. Tempo mais tarde, dende a peña O Lar, remesouse ó escritor de Iria Flavia, entón residente en Palma de Mallorca, fotocopiada, a colección do “¡Guau…Guau!”. O literato acusou recibo da mesma cunhas verbas autógrafas de agradecemento.

Hai uns anos a Asociación Cultural “A Pomba do Arco” tivo a feliz iniciativa de editar o facsímel do xornal, que a poboación apenas coñecía, facilitando o acceso ó mesmo e hoxe figura nos fogares focegos co aprecio do que o seu valor histórico e cultural, e mesmo sentimental, é merecente.

Daniel Hortas, xornalista e escritor, inesquecible amigo do cronista, no libro “Y luego Lugo…¿qué?” relata que, en xuntanza de galegos en Madrid á que él asistía, o Premio Nobel contou que o único recordo material que conservaba do seu pai era unha caracola mariña engarzada nun aro de ouro, a través da que se escoita o bruar do mar de Foz…

Exit mobile version