Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG gaña as eleccións sindicais en Os Irmandiños S.C.G

A CIG vén de gañar as eleccións sindicais en Os Irmandiños S.C.G. nuns comicios celebrados este xoves 14 de abril. O proceso tivo preto dun 70% de participación sendo a candidatura nacionalista a máis apoiada cun 67% dos votos emitidos.

Por mesas, na mesa de técnic@s a CIG obtivo o 95% dos votos emitidos obtendo os dous delegados que se dilucidaban na mesma.

Na mesa de especialistas a CIG obtivo un 53.5% dos votos, e CC.OO o 41.8 quedando o reparto de delegados en dita mesa en 2 e 1 respectivamente.

Estes resultados reforzan a maioría que a CIG xa tiña no comité, pasando de 3 a 4 delegad@s nunha das cooperativas agrarias máis importantes do país.

Ao finalizar o proceso, os recén elexid@s delegad@s pola central nacionalista amosaban a súa satisfacción polo resultado, “xa non só supón reforzar a nosa maioría no comité senón que os resultados tamén avalan a nosa liña sindical de asemblearismo, información e asesoramento da plantilla e traslado á empresa de toda canta problemática laboral vaia xurdindo” á vez que salientaban que “aparte de satisfacción, o resultado tamén nos xera un gran sentido da responsabilidade para estar á altura do grado de confianza que a plantilla depositou en nós”.

Na vindeira semana constituirase formalmente o novo comité e precederase á escolla dos novos cargos e a aprobación do regulamento que rexirá o funcionamento do mesmo nos vindeiros catro anos.

Dende CIG IRMANDIÑOS manifestan asimesmo, que na reunión constituinte do comité, como primeiro punto na orde do día, unha vez constituído formalmente o mesmo, se tratará da aprobación dunha declaración de apoio aos compañeir@s de Conservas Alonso, de Celeiro de Viveiro, que viron como a empresa manifestou a súa intención de pechar dito centro de traballo, “porque non podemos quedar alle@s ao desmantelamento industrial e á reiterada perda de postos de traballo na nosa comarca”.

Exit mobile version