Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mancomunidade abordará no pleno do luns a adxudicación do Plan Coopera contra a violencia de xénero, a ordenanza do uso de pistas municipais para o transporte de madeira e a ampliación dos colectores para a recollida de aceites

A Mariña, 15 de abril de 2016.- O pleno da Mancomunidade de Municipios que se celebrará o luns, día 18, no Vicedo a partir das 20:00 horas, abordará entre outros temas a adxudicación do Plan Coopera, a ordenanza para o uso de pistas municipais para o transporte da madeira procedente das talas e a ampliación de colectores de recollida de aceites usados.

O presidente, Alfredo Llano, explicou que “o próximo luns, día 18, imos facer un pleno ordinario da Mancomunidade e farémolo en Vicedo. Os plenos da Mancomunidade imos rotandoos polos concellos da Mariña e tócanos en O Vicedo”.
Llano indicou que “entre outras cousas imos tratar o estado económico da Mancomunidade, as achegas económicas tal e como están agora os concellos ao día e os cartos que temos. Faremos ademais unha dación de conta do decreto da presidencia sobre a aprobación da liquidación de orzamento correspondente ao 2015, que penso que xa está todo ben rematado e vai todo perfecto no aspecto de cumprir todos os requirimentos”.

O presidente da Mancomunidade engadiu que “na sesión tamén está o contrato de servizos por procedemento aberto, que vai ser unha oferta economicamente máis vantaxosa para fixar os criterios de adxudicación de cara a levar adiante o plan Coopera que este ano nos deron o primeiro premio. Consiste en facer unha serie de actividades a favor de rematar e esquivar completamente a violencia de xénero. Imos establecer unha serie de actos que van ir por todos os concellos e comezar xa en canto se teña a empresa contratada e rematar o 31 de decembro. Foi dotado con 40.000 euros e hai que facer unha rendibilidade diso. Imos tratar de aplicalo o antes posible para que este problema cada vez se minimice ou desapareza, que é o noso desexo”.

Alfredo Llano salientou que “imos poñernos en contacto coa Dirección Xeral da Gandeiría e Agricultura para poder colaborar ou adherirnos a unha campaña de control da vespa velutina. Pensamos que é un problema grandísimo que está afectando moitísimo na nosa Mancomunidade, xa que en todos os lados está esta epidemia. Unha cuestión que nos parece moi importante é a dotación de equipos de protección individual e a realización de cursos de formación para que sexa máis efectiva esa adhesión á campaña contra a vespa velutina, que tanto dano nos está a facer”.

O presidente da Mancomunidade de Municipios engadiu que “outra cuestión importante será a ampliación de colectores de recollida de aceite usado. Hai que ter en conta que agora mesmo tamén está adherido o Concello de Viveiro e supoño que se incorporará a esta campaña de recollida de aceites usados. Hai Concellos como o de Burela que vai poñer dous colectores máis dos que agora existen e outros concellos posiblemente tamén queiran facer algo parecido”.

Finalmente Alfredo Llano concluíu dicindo que “tamén falaremos da ordenanza e das taxas para o uso das pistas municipais para a explotación forestal, para o transporte de madeira e a corta de madeira. É unha preocupación de todos os concellos que o uso das pistas municipais quedan moi deterioradas moitas veces unha vez que se fai unha corta, un transporte ou un arrastre. Iso hai que regulalo e mirar de coidar as cousas que son de todos. Agora pensamos que haberá que usar o método máis axeitado e que sexa compartido por todos os Concellos da Mariña”.

Exit mobile version