Site icon Crónica3.com A Mariña

A pasta ou a vida

CON PÓLVORA E MAGNOLIAS. “O me das los 300.000 € o te hundo el negocio”; esa foi a literalidade exacta das verbas pronunciadas por Luís Pineda, presidente da asociación de consumidores Ausbanc ao primeiro executivo da firma CreditServices, Javier López, a cambio de publicidade, de modificar as referencias sobre esa marca nas distintas canles de comunicación do primeiro; e é que dende que Guttemberg inventou a imprenta esta é de quen a paga.

Xusticieros axustizados, do mesmo xeito que Miguel Bernard, o delfín de Blas Piñar, secretario xeral e líder de Manos Limpias, ambos en prisión provisional sen fianza na cárcere de Soto del Real.

Esa actitude desafiante, xusticeira, que recorda a aquela escena de Sen Perdón na que Clint Eastwood entra na cantina preguntando: ¿Quén é o dono desta pocilga?; din que polos clásicos non pasa o tempo, e algo de certo debe haber en tal afirmación, porque a sobrecarga de testosterona e o sentido da pregunta segue tan vixente hoxe coma no galardoado western. Paradoxo dunha sociedade que incapaz de atopar referentes éticos no seu conxunto tende a individualizalos.

De entre as múltiples reaccións á nova rescato a do xornalista Fernando Garea que twitteaba: “Lo tremendo es que sin Ausbanc no se hubieran anulado las cláusulas suelo y sin Manos Limpas la infanta no estaría en el banquillo”; recollo o aseveramento porque penso que se volven a simplificar cuestións complexas: a anulación das cláusulas solo tivo por lei motiv a aplicación da lexislación europea trasposta en materia de consumo e o procesamento de Cristina Federica de Borbón ten moito que ver co fastío cidadán e coa descomposición da institución á que representa, non sei en que medida isto é imputable a Ausbanc ou a Manos Limpias; ambas son cooperadoras necesarias en todos estos procesos, dos que tamén participan os cidadáns que como suxeitos activos que deciden demandar ou mobilizarse masivamente, a xudicatura que exerce o seu cometido de xeito independente, as institucións xudiciais europeas que marcan a pauta, a función pública do sistema de xustiza que desenrola o seu traballo a pesar da falta de medios…

Existe unha forma teoricamente sinxela de abordar a cuestión: a vontade soberana tamén é de quen pode pagala, os políticos deixaron de obedecer a dita pulsión para obedecer ás elites e para mudar en burócratas de partido, os sindicatos afastáronse da loita obreira para arrimarse aos partidos e, coma calquera outra forma organizativa, as asociacións pasaron a ser estruturas xerarquizadas de negocio. A única solución posible pasa pola asunción social de responsabilidades colectivas, porque un mesmo non pode ser xuíz e parte, porque senón aparecen os pistoleiros, porque só pobo salva pobo.

Pablo Álvarez Ramos

Exit mobile version