Site icon Crónica3.com A Mariña

A praza do Souto de Cervo acollerá a X Exaltación da Carne de Porco e Segunda Foliada o 7 de maio

280416 PRESENTACIÓN EXALTACIÓN CARNE DE PORCO E FOLIADA CERVOCervo, 28 de abril de 2016.- As asociacións culturais Fervenza de Sargadelos e Airiños do Xunco, coa colaboración do Concello de Cervo, programan para o 7 de maio, sábado, un conxunto de actividades gastronómicas e musicais ao longo de todo o día. A concelleira de Cultura, Dolores García; o presidente de Airiños do Xunco, Rafa Blas; o de Fervenza de Sargadelos, Xosé Fernández; e outros membros destas entidades deron a coñecer este xoves o cartel e o programa da décima Festa Exaltación da Carne de Porco e segunda Foliada, que se celebrará na praza do Souto de Cervo.

As actividades comezarán ás 12 do mediodía cunha master class infantil de pandeireta e canto e ás 13 horas empezará a sesión vermú. De forma paralela nos bares e restaurantes participantes poderanse degustar diferentes especialidades de carne de porco. Así no Bar Figuerido ofrecerán morro ao caldeiro e carrilleiras estufadas; no Bar O Zoco haberá tostas de lacón con pementos de piquillo e costelas picantonas; no Caseto de Copa servirán lacón e callos; mentres na Pousada O Almacén haberá manitas e tapa canibal.

Pola tarde continuarán as actividades coas clases de iniciación ao baile tradicional a partir das 18 horas. E as 20 horas empezará a exaltación da costela de porco con racións que incluirán costela, chourizo, pan, viño e cazola por 7 euros. A partir das 20.30 horas actuará Cé Orquestra Pantasma e ás dez da noite comezará a Foliada coa participación dos grupos A Rebolaxe, de San Cibrao; Ledicia, de Burela, e Airiños do Xunco, de Cervo. E ás doce da noite haberá queimada popular.

Exit mobile version