Site icon Crónica3.com A Mariña

A segunda xornada das III Olimpíadas Interparroquiais de Alfoz celebrarase o sábado 16 de abril

Alfoz, 13 de abril de 2016.- O vindeiro sábado continúan as probas das III Olimpíadas Interparroquiais de Alfoz. Desta volta tóalle o turno ás probas deportivas.

As diferentes parroquias estarán representadas por equipos mixtos de 5 compoñentes como mínimo e 10 como máximo, repartíndose en tres deportes diferentes. As probas seguirán a modalidade de eliminatorias, comezando por cuartos de final, seguidas de semifinais e final, polo que se realizará un sorteo antes de cada unha delas.

Comezarase coa proba de Futbol 3×3. Cada partido será disputado por dous equipos compostos cada uno por 3 xogadores, cunha duración de 10 minutos, seguindo as normas desta competición que lle foron entregadas a todos os equipos.

A continuación realizarase a proba de Tiro con Arco, onde cada equipo elixirá a un representante que deberá disparar dúas quendas de tres frechas cada unha, desde o lugar indicado para tal fin.

Finalizarase coa proba de tiros libres onde os participantes, un por equipo, deberán tirar á canastra cunha pelota de baloncesto, desde o lugar indicado para tal fin.

En cada proba, os equipos clasificados en 1º lugar obterán 50 puntos na clasificación xeral; o 2º clasificado obterá 40 puntos; os clasificados en 3º e 4º lugar obterán 30 puntos, e o resto obterán todos 20 puntos.

Tras a celebración da primeira xornada, a clasificación xeral quedou encabezada polo equipo de Castro de Ouro, con 219 puntos, seguido de Pereiro-Oiras con 211, Adelán con 192, Carballido con 167, Lagoa 163 puntos, Reirado-Vilaude con 158, Mor con 155, e finalmente Bacoi, con 141 puntos.

A vindeira fin de semana celebraranse a probas artísticas, coincidindo coa II Ruta das Tapas de Alfoz, onde se sortearán entre os participantes premios de 200 € en vales de compra no comercio local e haberá premio para o mellor bar, entre os sete establecementos participantes.

Exit mobile version