Lugo, 12 de abril do 2016.- O Delegado de Cultura da Deputación de Lugo, Xosé Ferreiro, presentou a terceira edición do Lingua Viva, un proxecto da Área de Cultura da Deputación de Lugo. Xunto a el estivo tamén Paloma Lugilde, coordinadora do proxecto e directora do grupo de teatro lucense Palimoco Teatro, así como algúns e algunhas das integrantes do mesmo.
O proxecto Lingua Viva contempla obradoiros de teatro e danza, e é, tal e como expresou Ferreiro “un proxecto aberto, anovador e flexible co que queremos contribuír neste Ano Manuel María ao coñecemento e difusión das diferentes facetas que desenvolveu o escritor chairego, quen é coñecido pola súa dimensión de poeta, mais que tamén explorou outras facetas como a dramaturxia” dixo.
A representación da peza final que xurda dos obradoiros de Lingua Viva terá lugar o 17 de maio, Día das Letras Galegas, a partir das 21.00 horas en diferentes puntos do casco antigo de Lugo. Así mesmo, desde a Área de Cultura non descartan que esta peza final poida moverse a outros puntos da provincia de Lugo “habida conta da calidade e bo facer coa que conta o proxecto Lingua Viva, proba disto é o éxito das edicións pasadas, que este ano agardamos siga a medrar en número de participantes e tamén, xa que logo, en representacións”, dixo Ferreiro.