Site icon Crónica3.com A Mariña

A Tradescola organiza un obradoiro de regueifas para os escolares dos centros mindonienses

Lugo, 25 de abril de 2016. A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteiros Galegos na cidade de Lugo, achegarase ao CEIP Álvaro Cunqueiro e IES San Rosendo de Mondoñedo para impartir dous obradorios de regueifas hoxe luns día 25 de abril. Con estas xornadas, a Tradescola pretende achegar á comunidade escolar á nosa música e a nosa cultura tradicional, dun xeito ameno e didáctico a través dos concertos impartidos polos mestres da Tradescola.

O primeiro dos obradoiros terá comezo as 15.00 horas no CEIP Álvaro Cunqueiro e o segundo as 16.45 no IES San Rosendo. Esta xornada estará guiada por Josinho da Teixeira, mestre regueifeiro da contorna de Vigo, quen amosará aos alumn@s a historia do arte da improvisación en todo o mundo, centrándose na regueifa con mais presenza en Galicia, onde traballarán o ritmo, a técnica, a rima así como numerosos recursos para improvisar.

Un dos obxectivos da Tradescola é incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego na sociedade actual, e para conseguilo, realiza asiduamente numerosos actos como charlas, exposicións, concertos, ou xornadas que achegan a numeroso público a coñecer de preto o traballo que está a realizar esta escola, ofrecendo formación a todas as persoas interesadas na música e no baile tradicional tanto na cidade de Lugo, onde imparte aulas diariamente na rúa Pintor Corredoira nº 4, como no resto de comarcas da provincia a través da realización de diversas accións formativas relacionadas co ensino da música e baile tradicionais.

UNHA ASOCIACIÓN CREADA PARA A PROMOCIÓN DA MÚSICA TRADICIONAL
A AGG conta neste momento con case 800 asociados e asociadas distribuídas por todas as comarcas galegas e na Galiza exterior. A través dos seus asociados a AGG ten presenza na maior parte das asociacións e colectivos culturais que desenvolven actividades en torno á música tradicional no país.

A AGG é a entidade asociativa máis representativa e con maior peso específico no tocante á música tradicional en Galiza.

Exit mobile version