A Semana da Arte na Mariña é un ambicioso proxecto promovido polos colectivos de Mestres e o de artistas plásticos da bisbarra, no que se involucran xentes de toda ela: os concellos,os colexios, asociacións culturais, empresas, etc. A intención é que participen tódolos mariñáns e por iso en vindeiras edicións serán centro das actividades- que este ano corresponde a Foz- todos e cada un dos concellos de xeito rotatorio.
A magnitude da iniciativa é tal que os organizadores contan con que só alumnos dos colexios pasen de 1.500, dos que a maioría serán trasladados en autocar desde os seus respectivos centros de estudo, que para a visita serán recibidos por tres avezados/as ensinantes da arte que os asesorarán, explicando canto se refire estética e técnicamente ás obras expostas, porque na intencionalidade da operación é preferente a didáctica, sobre todo para os rapaces/zas.
Igualmente será cos visitantes que, amais dos catálogos, con 100 páxinas a todo cor, recibirán as oportunas explicacións e asesoramento dos expertos para favorcer o achegamento do público en xeral ó coñecemento e o interese e valoración da arte plástica na bagaxe cultural do individuo.
A realización desta, pola súa envergadura, esixe a participación de moitas persoas e medios; nese senso é esperanzador o feito de que, según os portavoces da organización, atoparon en toda A Mariña a dispoñibilidade á colaboración, feito que non sempre se da. E sería moi fermoso que, sen tardar, poidésemos dicir que á sociedade do noso contorno chegara o sentido da unión e da mútua solidaridade entre os pobos, polo vieiro da arte; ou sexa, da cultura, coa visión das altas miras que tal actitude precisa.
Lector/a amigo/a: non deixe de visitar a exposición de arte “6 Diálogos para educar”. Poderá facelo ata o día 29 do actual. Teña por seguro que vale moito a pena; e a súa asistencia tamén é necesaria.