Lugo, 26 de abril de 2016.- A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca Carús, salientou este serán na inauguración dos actos conmemorativos do XX aniversario da Escola Universitaria de Relacións Laborais de Lugo que o diálogo e o consenso son as claves para a consolidación económica. Sinalou Toca Carús que para que haxa máis empregos e de maior calidade é fundamental a cooperación entre os axentes sociais e empresariais, apuntando así a importante contribución da universidade á formación e capacitación como pancas de cambio.
Neste contexto, a secretaria xeral fixo referencia á Axenda 20 para o Emprego, que apoia o camiño cara o novo modelo produtivo de Galicia baseado no coñecemento, e que busca mellorar as condicións de empregabilidade dos galegos e galegas a través de políticas activas encamiñadas a asegurar emprego estable e de calidade.
Para afrontar os diferentes retos que se plantexan neste eido, a secretaria xeral de Emprego fixo fincapé na necesidade de contar cunha base de relacións laborais sólidas, atendendo especialmente ás persoas en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión, e impulsando o papel da Inspección de Traballo e Seguridade Social como garante da calidade no emprego.
Toca Carús sinalou ademais a importancia de traballar coas empresas para que definan que competencias necesitan e adecuar así a formación ás súas necesidades reais, incidindo en que a Universidade debe ser catalizadora desa necesidade. Subliñou tamén a secretaria xeral que unha recuperación completa e integradora debe apoiarse na igualdade entre homes e mulleres, lembrando entre outras iniciativas que a Consellería de Economía, Emprego e Industria elaborará un Plan de Emprego en Igualdade, para mellorar as oportunidades laborais das mulleres.