Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta impulsa a promoción da artesanía de Galicia en máis de 40 feiras nacionais e internacionais

Santiago, 12 de abril de 2016.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria pon en marcha unha nova convocatoria de axudas dotada con 225.000 euros para o fomento da comercialización da artesanía galega e o impulso da competitividade do sector artesán, que impulsará a promoción da Artesanía de Galicia en máis de 40 feiras nacionais e artesanais con apoios dos que se poderán beneficiar tanto os profesionais e asociacións deste ámbito como os concellos galegos.

Mediante este programa, que se publica este martes no DOG e cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 12 de maio, os titulares de obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Galego de Artesanía poden obter apoios de ata 7.000 euros para participar como expositor en feiras nacionais ou internacionais, así como para accións comerciais emerxentes de carácter temporal e presentación de produtos en pop ups, corners e showrooms.

No tocante ás asociacións profesionais poden sumar ata 30.000 euros para a organización de feiras e ata 15.000 euros para participar como expositores en citas nacionais ou internacionais; mentres que no caso dos concellos, as axudas para a organización de feiras poden chegar ata os 15.000 euros.

A través desta convocatoria, o ano pasado a Consellería de Economía, Emprego e Industria concedeu axudas por máis de 150.000 euros para fomentar a promoción comercial da artesanía galega, dos que se beneficiaron un total de 23 obradoiros artesanais, 8 concellos e a Asociación Galega de Artesáns.

Así, apoiouse a participación de profesionais en encontros como Homi ou Euroluce en Milán, Bijorhca e Maison&Objet, en París; e outros a nivel nacional como Bisutex, Momad, Intergift ou Madridjoya, en Madrid, ou Expohogar en Barcelona, contribuíndo así á busca de novas oportunidades de negocio.

Ademais, colaborouse cos concellos na organización da Mostra de Olería de Buño (Malpica); a Mostra do Encaixe de Camariñas; a Mostra de Artesanía Artelemos Nadal (Monforte), o encontro Alfaroleiros (Oleiros); a Feira de Artesanía de Cambados; a Feira da Artesanía do Ferro (Riotorto); a Feira de Artesanía de Outeiro de Rei e a Feira Tradicional Outrora de Bóveda. Por outra banda, respaldouse tamén a organización por parte da Asociación Galega de Artesáns das feiras Mostrart, na Coruña, e Ofeitoamán, en Vigo.

Esta liña de axudas enmárcase no Plan de Artesanía de Galicia 2014-2016, que busca acadar un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.

A posta en marcha desta folla de ruta, que aposta pola internacionalización da empresa artesá galega, ten permitido xa sumar máis de 20 puntos de venda para a Artesanía de Galicia en países como Suecia, Reino Unido, Finlandia, Estados Unidos, Bélxica, Alemaña ou Xapón. Ademais, Artesanía de Galicia ten organizado ou colaborado en máis de 400 accións de interese artesanal en localidades galegas, nacionais e internacionais.

Ademais, entre outras actuacións, téñense realizado máis de 45 accións formativas que contaron con preto de 600 participantes, centradas tanto na especialización e a mellora continua como na captación de novos profesionais para o sector.

Exit mobile version