Foz, 5 de abril de 2016.- Dentro do seu Plan Titorial de Centro, o Colexio Plurilingüe Martínez Otero de Foz, programa para este mes unha serie de actividades sobre Prevención de Drogodependencias; así, o día 6 de abril, recibirá a un grupo de reclusos do Centro Penitenciario de Teixeiro, pertencentes á Unidade Terapéutica de Atención a Drogodependentes, acompañados polos seus terapeutas, que poñerán en común co alumnado de 3º e 4º de ESO a súa experiencia de vida a través de varias actividades:
-Unha representación teatral de mimo.
-Unha proxección audiovisual.
-Unha exposición da súa “experiencia de vida” con coloquio posterior cos asistentes.
Previamente a isto o alumnado destes cursos preparou o encontro, cos seus titores, respondendo e reflexionando sobre unha enquisa, que desde o propio centro penitenciario se nos fixo chegar.
Esta actividade terá o seu complemento cunha visita que o alumnado de 3º e 4º de ESO realizará ao propio centro penitenciario de Teixeiro o vindeiro día 13 de abril.
Esta actividade enmárcase dentro do programa “DI K NON”, animado pola unidade terapéutica xa mencionada e subvencionado pola Fundación Barrié.
O resto dos cursos desde 5º de primaria a 2º de ESO, terán, o día 28 de abril, unha charla sobre este mesmo tema dirixida por un especialista da Garda Civil, esta última enmarcada dentro do programa de Mellora da Seguridade dos centros educativos e os seus contornos.
Agardamos que estas actividades dean os seus froitos e que o noso alumnado saiba “DICIR K NON” cando se lle presente a circunstancia do consumo de calquera tipo de substancia nociva, chámese alcohol tabaco ou outras drogas.