Lídia Senra explicou que esta viaxe comezou a organizarse en setembro do 2014, cando tras chegar ela ao Parlamento Europeo como eurodeputada e en pleno conflito do cerco, abriuse o prazo para que os grupos fixeran propostas. “Propuxen que a Comisón de Pesca visitara Galiza, xa que somos o primeiro país en importancia pesqueira na UE”, explicou.
A eurodeputada comentou que na organización puido haber fallos, pero destacou a importancia de que fose a primeira vez que unha visita así se realizara. “O máis importante é poñer en valor que tiveron moita presenza neste encontro diferentes sectores pesqueiros, moita presenza das mariscadoras, do sector do mexillón, das artes menores e da pesca artesanal”, dixo.
Lídia Senra explicou que nas xuntanzas que se prolongaron durante martes, mércores e xoves en Vigo, Vilagarcía, A Illa de Arousa e Santiago púxose enriba da mesa a cuestión da limpeza e a rexeneración das rías, “que está facendo perigar moitos postos de traballo”. “Tamén a insuficiencia e o reparto das cotas e o reparto, que está poñendo en perigo a supervivencia de miles de familias que viven da pesca”. O sistema de análise das biotoxinas e a fraude no etiquetado do mexillón foron outros dos temas que se trataron, igual que a necesidade de que as capturas accidentais saian do reparto de cotas, cuestión que xa foi levada a Europa por AGEe a través dunha emenda e que xa foi aceptada.
Pola súa banda, Juan Manuel Fajardo incidiu en que “é a primeira vez no que vai de século que a Comisión de Pesca visita Galiza. Parece mentira que tivera que chegar AGE para que isto fose posible. Isto demostra a capacidade que temos para incidir”.
O deputado galego denunciou que o 20% do emprego pesqueiro perdeuse desde que chegou Alberto Núñez Feijóo á Xunta e arremeteu contra a actitude do Goberno galego do PP en materia pesqueira. “Acaba de gañarse unha sentencia contra a fraude da etiquetaxe do mexillón e a Xunta segue mirando para o outro lado. É un argumento máis para que dimita a conselleira. Hai que defender o sector do mexillón, non se pode vender como galego mexillón de fora e iso está a pasar coa complicidade da Xunta”, incidiu.
Fajardo deixo claro que desde AGE “imos defender que a pesca artesanal saia do sistema de cotas”. “Fronte a iso, nesta visita o PP estaba máis interesado en falar de Anfaco e de multinacionais que en falar daqueles mariñeiros galegos que saen ao mar todos os días”. O deputado anunciou que AGE emprenderá unha campaña en defensa do produto galego e non do produto de fora que se está vendendo como galego e “cando tomemos a Xunta, o goberno será un goberno que se preocupará polo sector tradicional e a pesca galega, non como agora”.
Fajardo tachou de “indecente” á conselleira de Pesca porque, dixo, “está intercambiando cotas de pesca dos galegos por outros intereses do PP noutras nacionalidades de toda Europa”.