O rexedor municipal explicou que a deste venres foi unha das visitas programadas polo departamento de arquivo do Concello de Foz “e a verdade é que todas as que houbo ata o de agora foron moi interesantes non só para os alumnos dos colexios públicos do concello de Foz senón tamén para os propios empregados do Concello e para min, que pasamos uns momentos moi bos con todos os rapaces”.
Javier Castiñeira engadiu que nesta actividade “aproveitamos para que nos dean a coñecer a súa opinión desde o seu punto de vista de rapaces e estudantes. A verdade é que é un traballo moi interesante que debíamos facer todas as corporacións e todas as administracións: mostrar todos os servizos que se fan nun Concello, todas as persoas que participamos, para que os rapaces xa de pequenos saiban o que é un Concello, aprecien os servizos públicos e se conciencien de que unha actitude cívica axúdanos a todos e en definitiva todo o que sexa bo para o Concello tamén o vai ser para eles”.
O alcalde subliñou que “pasamos momentos moi bos e o máis divertido é cando cos rapaces realizamos un pleno e eliximos concelleiros de acordo a aqueles alumnos que vaian contestando ás preguntas que lles facemos. Despois eses trece concelleiros infantís elixen un alcalde, tendo en conta aquel que mostra mellor o que quere para o concello, o que fala aos seus veciños e lles explica cal vai ser a súa xestión. Despois os propios concelleiros votan a ese alcalde e toma posesión”.
Castiñeira rematou agradecendo “esta iniciativa da área do arquivo do Concello de Foz e tamén a moi boa colaboración por parte dos alumnos e de todos os profesores. Estamos moi satisfeitos e desde logo hai que manifestar a gratitude absoluta polo comportamento dos rapaces”.