Site icon Crónica3.com A Mariña

Ana Pontón reunirase con delegados sindicais de Conservas Alonso e co comité de empresa de Alcoa

A Mariña, 27 abril de 2016. Ana Pontón Mondelo, portavoz nacional do BNG, visitará este xoves a comarca da Mariña para reunirse ás 17.00 horas co comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, ás 18.30 horas mostrará o apoio da organización nacionalista á loita polo mantemento do emprego cunha reunión con delegadas sindicais da conserveira celeiresa Antonio Alonso na Casa Sindical de Viveiro. Na axenda deste xoves está prevista visita ao concello de Muras, onde o BNG desde a alcaldía nas pasadas eleccións municipais, está levando adiante un cambio radical na forma de goberno, democratizando a vida municipal,impulsando a economía local aproveitando recursos produtivos propios e poñendo ao servizo da veciñanza todos os recursos cos que conta este concello da montaña mariñá para mellorar as súas condicións de vida, e recuperar a poboación perdida nos últimos anos.

Visita ao concello de Muras
Ana Pontón visitará o concello de Muras onde será recibida polo grupo de goberno do BNG que forman o alcalde nacionalista Manuel Requeixo, Belén Chao e Carlos Carballés así como unha delegación da executiva comarcal na Mariña con Antonio Veiga Outeiro, Vicepresidente da Deputación de Lugo e o responsábel de Organización, Xoán Antón Estúa.

No concello de Muras está prevista visita ao concello ás 12:00, posteriormente un parque eólico, unha explotación apícola e unha gandeira de carne. O BNG desde a súa chegada ao goberno municipal está levando adiante unha política de aproveitamento dos recursos propios do concello e proximamente porá en práctica a redistribución da riqueza xerada pola instalación de parques eólicos no municipio entre a súa poboación, permitindo na maioría dos casos o subministro eléctrico gratuíto á súa veciñanza.

Encontro co comité de empresa de Alcoa e con delegadas de persoal de Conservas Alonso en Viveiro
Ana Pontón manterá como portavoz nacional do BNG, o seu primeiro encontro co Comité de empresa de Alcoa San Cibrao, onde recollerá información sobre a situación laboral da empresa, previsións de futuro e circunstancias concretas do abastecemento enerxético, tendo en conta que este é o principal custe produtivo da empresa e que o BNG, xunto coa CIG, gañadora das últimas eleccións sindicais, reclaman a existencia dunha tarifa eléctrica galega que permita a empresas e familias dispor dun abastecemento enerxético a uns prezos acordes á capacidade de xeración eléctrica de Galiza.

Por último, ás 18:30, a portavoz nacionalista manterá un encontro con delegadas sindicais de Conservas Antonio Alonso na Casa Sindical de Viveiro. Nel trasladará o apoio da formación nacionalista ás traballadoras na demanda de manter as instalacións desta empresa en Celeiro e os postos de traballo. O BNG ponse a disposición destas traballadoras, moitas delas cunha difícil saída laboral de perpetrarse o peche da planta, para trasladar ao Parlamento Galego e ás institucións onde teña representación a súa problemática.

Exit mobile version