Site icon Crónica3.com A Mariña

Aprobada no Pleno da Deputación a moción para esixir á Xunta Hemodinámica 24H sen o apoio do PP

Lugo, 26 de abril de 2016.- O Pleno da Deputación aprobou este martes, sen apoio dos Deputados do Partido Popular, a moción presentada polo Grupo Provincial Socialista para esixir á Xunta a inmediata dotación do servizo de Hemodinámica 24 horas no HULA, tal e como reclamaron os máis de 43.000 veciños que asinaron a ILP máis apoiada da historia do Parlamento galego; así como que publique os datos de mortalidade por infarto de miocardio aos 30 días, que oculta.

“Hoxe non vale ampararse na urxencia da moción, tal e como pasou no Pleno pasado, no que 13 Deputados consideraron que non era prioritaria para os veciños e decidiron rexeitala. Hoxe falaremos de Hemodinámica 24 horas e saberemos a postura de cada un dos Deputados desta corporación”.

Así o subliñou o voceiro provincial socialista, Álvaro Santos Ramos, que destacou que “o Goberno galego discrimina aos lucenses negándonos esta prestación básica e imprescindible no HULA, e non publicando os datos de mortalidade por infarto de miocardio aos 30 días. Se os están a ocultar, por algo será”.

Santos Ramos lembrou que o Executivo autonómico publicou un informe “incompleto e sesgado”, no que se alerta de que un lucense afectado por un infarto de miocardio tarda o dobre de tempo en ser atendido que, por exemplo, un cidadán da Coruña. Concretamente, o tempo de espera é de máis de 3 horas, pois a provincia de Lugo non conta cun servizo de Hemodinámica as 24 horas e os doentes teñen que ser trasladados á Coruña.

“Ao Grupo Provincial Socialista e ao Goberno da Deputación non só nos preocupa salvar as vidas das persoas infartadas, senón que tamén nos preocupamos pola calidade de vida que teñen despois. As consecuencias que poden derivarse de non ser atendidos no tempo estipulado incrementan, notablemente, as posibilidades de mortalidade, sobre todo nos seguintes dous anos”.

Licenzas na Rede Natura 2000 e no Camiño de Santiago
O Pleno da Deputación aprobou, co voto en contra do Partido Popular, unha moción coa que o Goberno da Deputación demanda á Xunta axilizar a tramitación administrativa de licenzas en Rede Natura 2000, e nos Camiños de Santiago. A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López, destacou que “con esta iniciativa buscamos mellorar a calidade de vida das persoas que viven nestas zonas de especial protección, apostando por medidas encamiñadas a preservar este magnífico entorno natural e histórico do que dispomos”.

“O tempo medio de espera dos Informes do Comité do Camiño de Santiago é no caso de obras menores, de seis meses, e dos da Rede Natura 2000 é de tres. Estas trabas administrativas poñen en perigo o despegue da economía local no relativo ao comercio relacionado co Camiño de Santiago, e mesmo a perdida de subvencións da propia administración. Os veciños levan esperando dende o ano 1996 polo Plan Especial do Camiño de Santiago”, remarcou.

Máis recursos para os Concellos
Aprobada por unanimidade a proposta do Goberno da Deputación que esixe á Xunta unha reforma do actual modelo de financiamento local, co fin de xerar máis recursos para os Concellos galegos. O Vicepresidente, Antonio Veiga, lembrou que “a día de hoxe, a Participación nos Ingresos do Estado (PIE), unha liña financeira moi importante para os concellos, emprega formulas para o seu reparto co sistema vixente desde 2004, o que a leva a xerar uns desequilibrios esaxerados que prexudican, directamente, aos Concellos. Coas cifras na man, os Concellos galegos perderan este ano 136 millóns de euros con ese reparto”.

Exit mobile version