Site icon Crónica3.com A Mariña

As Concellerías de Deportes e Medio Ambiente de Burela fan un balance moi positivo dos actos organizados para celebrar o Día Internacional do Deporte

Spinning 2Burela, 11 de Abril de 2016.- Dende as Concellerías de Deportes e de Medio Ambiente fan unha valoración moi positiva das actividades que se organizaron dende o 6 ata o 10 de abril en Burela para conmemorar o Día Internacional do Deporte.

Os edís Ramiro Fernández e Noelia Mª Ben destacan “as interesantes charlas que se deron, tanto a de nutrición infantil impartida por Alba Vila, como a de nutrición no deporte impartida por David Mariña, máis a de Circulación Vial para ciclistas que deu a Policía Local de Burela. As conferencias cumpriron co obxectivo que nos marcamos e os asistentes quedaron encantados tanto dos contidos das mesmas como da maneira de impartilas por parte dos poñentes”.

Sobre os actos que implicaban actividade física en si, “a pesares de que a climatoloxía non axudou, foron moi ben acollidos e foron un reclamo sobre todo para os máis novos e en vindeiras edicións traballaremos en impulsar a participación nestas actividades por parte dos maiores tamén”, relataron.

Os concelleiros de Medio Ambiente e Deportes agradecen “a todos os colaboradores o seu grao de area para sacar adiante este ambicioso programa de actividades, e agradecer especialmente aos xogadores e xogadoras do Burela FS Pescados Rubén a súa gran implicación en todos os actos, sobre todo nos realizados na Escola Infantil onde tanto os propios xogadores e os nenos desfrutaron enormemente das actividades programadas”.

Gotas para Níxer
E engadiron: “en canto á carreira solidaria Gotas para Níxer temos que lamentar que a climatoloxía si que influíu negativamente na mesma restando a afluencia de deportistas que esperábamos e dende a Concellería de Medio Ambiente decidiuse colocar unha mesa de recadación na entrada do centro de saúde de Burela para que todo aquel que non puido participar na carreira e queira facer a súa achega poida facelo durante a xornada de mañá”. A mesa estará instalada de 10 a 14 horas e “todo o recadado enviarase a Unicef para esa campaña Gotas para Níxer, que ten por obxectivo levar auga potable ás escolas, e polo tanto investirá eses cartos en sistemas de auga e saneamento en Níxer”.

Fernández e Ben insistiron en que “a valoración é máis que positiva e dende o Concello vamos a seguir apostando decididamente por este tipo de actividades, xa que entendemos que son moi positivas para inculcar hábitos saudables entre os nosos veciños, e así o demostra o gran número de felicitacións que recibimos por esta iniciativa”.

Exit mobile version