Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro reprocha ao socialista José Ramón Val que votase en contra de iniciativas dirixidas a apoiar á industria conserveira e aos seus traballadores

Santiago, 26 de abril de 2016.- O deputado do Grupo Popular e Secretario do Parlamento de Galicia, Jose Manuel Balseiro reprochou ao seu homólogo socialista, Jose Ramón Val, por votar en contra de iniciativas dirixidas a apoiar á industria conserveira e aos seus traballadores.

O parlamentario popular recriminou que os socialistas non apoiasen durante o Pleno do Parlamento de Galicia a iniciativa defendida por Balseiro instando á Xunta a impulsar e desenvolver o plan estratéxico da conserva, que en todo caso saíu adiante co respaldo maioritario do Partido Popular

Balseiro lembra que este plan inclúe múltiples medidas que buscan axudar a este sector defendendo o futuro dos proxectos empresariais existentes e os empregos asociados á industria conserveira galega. Entre elas o deputado popular salienta os apoios previstos con distintas axudas para incrementar o valor engadido da produción, para investir en I+D+i, para consolidar os contratos e as novas inversións, e tamén aquelas destinadas a apoiar o papel laboral que desempeña a muller na conserva, fomentar a formación e a conciliación.

“Ante todas estas medidas previstas no plan estratéxico os socialistas, e o resto dos partidos da oposición votan en contra. Son incapaces de sumarse ante iniciativas que desde o PP formulamos dun xeito construtivo en favor de todos os traballadores da conserva”- dixo Balseiro.

Conservas Alonso
O deputado popular acusa ao seu homólogo socialista de predicar unha cousa na Mariña, ante os traballadores de Conservas Alonso, e facer a contraria no Parlamento de Galicia, e insistiu en que se ben o plan estratéxico da conserva non é unha varita máxica que acabe con todos os problemas si pode contribuír a dar e poñer solucións sobre a mesa.

Precisamente Jose Manuel Balseiro ocupaba parte da súa intervención no Pleno do Parlamento galego para amosar o seu apoio incondicional aos traballadores de Conservas Alonso, ante a previsión de trasladar a Bueu a planta que ten en Celeiro (Viveiro)

Balseiro dixo que agarda que a mediación da Xunta e a implicación de toda a sociedade da comarca, poida permitir un futuro máis esperanzador para todos estes empregados e insistiu en que si medidas como as previstas no plan estratéxico da conserva poden contribuír a este obxectivo merecerá a pena telas apoiado, o que fai aínda máis incomprensible a posición do deputado mariñán do PSOE.

Exit mobile version