Site icon Crónica3.com A Mariña

Celebradas o pasado sábado as probas culturais das III Olimpíadas Interparroquiais de Alfoz

20160402_205709Alfoz, 4 de abril de 2016.- Un ano máis, o Salón de Actos do Centro Sociocultural de Alfoz fíxose pequeno para albergar a toda a xente que presenciou e participou na primeira xornada das III Olimpíadas Interparroquiais de Alfoz, celebrada o pasado sábado. Nesta xornada desenvolvéronse as probas culturais, formadas polos clásicos xogos do Un dous tres, Trivial e Stop. Nesta primeira proba o equipo gañador foi o representante da parroquia de Castro de Ouro, que despois dun mal inicio puido remontar no xogo do Stop, xogo no que as parroquias de Mor e Bacoi tiveron a sorte de costas ao tocarlles participar coa fatídica letra “ñ”, verdadeiro “antichollo” deste xogo.

A clasificación xeral quedou encabezada polo equipo de Castro de Ouro, con 219 puntos, seguido de Pereiro-Oiras con 211, Adelán con 192, Carballido con 167, Lagoa 163 puntos, Mor con 155, Reirado-Vilaude con 148 e finalmente Bacoi, campioa desta proba o pasado ano, con 141 puntos.

O Xurado, encargado deliberar sobre as diferentes probas, estivo formado polos membros do Seminario de Estudos do Valadouro Aurora Geada, Pilar Díaz e Pepe Peinó.

Desde a Área de Cultura do Concello de Alfoz quérese felicitar a todos os participantes e agradecer o esforzo aos membros do xurado, así como a Luis Miguel Yáñez e Claudia Pena, presentadores do evento, e a Manuel Álvarez e Lucas Rega, técnicos de son e imaxe.

A seguinte xornada celebrarase o sábado 16 de Abril coas probas deportivas.

Exit mobile version