Site icon Crónica3.com A Mariña

Créase en Ribadeo un novo grupo terapéutico para doentes con cancro

Ribadeo, 13 de abril de 2016. A delegación local de Ribadeo da Asociación Española contra o Cancro crea un novo grupo terapéutico na localidade coa colaboración do CIM e da Concellaría de Igualdade. Esta experiencia botará a andar o vindeiro luns, 18 de abril, ás 11.00 horas na Casa da Xuventude.

Segundo explican “no grupo ofertarase un tratamento terapéutico de natureza psicolóxica ás pacientes de maneira grupal coa finalidade de mellorar a súa capacidade de afrontamento e a calidade de vida. Coa creación deste grupo preténdese dotar aos seus membros de estratexias acaídas para sobrelevar a enfermidade e dos recursos cognitivos e emocionais adaptativos para o cambio. Ademais aumenta a autonomía e o crecemento persoal evitando a cronificación e favorecendo a diminución sintomatolóxica nas áreas afectadas pola enfermidade”.

Os obxectivos xerais do grupo terapéutico son:
-Facilitar a adaptación a enfermidade
-Diminuír as reaccións emocionais desadaptativas orixinadas pola diagnose da enfermidade e o seu tratamento.
-Facilitar a expresión de emocións e pensamentos arredor da experiencia do cancro e as súas consecuencias.
-Contribuír a acadar un adecuado nivel de funcionamento persoal ( psicolóxico, familiar e social) tras a enfermidade.
-Facilitar a adquisición de habilidades para relacionarse adaptativamente co entorno.
-Mellorar a dinámica da relación familiar e de parella.
-Mellorar o apoio social.

Os organizadores engaden que “a intervención grupal está dirixida a aquelas pacientes e/ ou familiares que presenten reaccións emocionais desadaptativas que dificultan ou interfiren nas súas relacións interpersoais, laborais, de parella e/ou sexuais, ou que xeran un malestar significativo e unha diminución na súa calidade de vida. O grupo será dinamizado pola psicóloga da asociación provincial de Lugo contra o cancro”.

Despois da experiencia positiva do grupo terapéutico creado en xaneiro, vaise abrir un novo grupo que comezará coas sesións o vindeiro luns, 18 de abril. A intervención desenvolvérase nun total de 8 sesións de 90 minutos de duración unha vez a semana. O grupo terapéutico lévase a cabo na Casa da Xuventude en horario de 11.00 a 12.30 horas.

As persoas interesadas en obter máis información do grupo e en inscribirse poden dirixirse a:
-AECC de Lugo: 982 25 08 09 e no mail lugo@aecc.es.
-CIM de Ribadeo: 982 12 07 39 ou no cim@ribadeo.org.

Esta actividade está organizada pola Delegación Local de Ribadeo da Asociación Española contra o Cancro (AECC) en colaboración coa Concellaría de Igualdade de Ribadeo.

Exit mobile version