Site icon Crónica3.com A Mariña

En Marea demanda a Fomento que mellore as estradas da Mariña

Madrid, 29 de abril de 2016.- Unha das últimas iniciativas presentadas esta semana por En Marea no Congreso dos Deputados é unha proposición non de lei que reclama a Fomento a mellora de estradas de titularidade estatal que pasan pola comarca de A Mariña: a N-642, a N-634 e a N-640.

O deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Ferán Vello, denuncia o “enorme défice que padece a comarca en materia de infraestruturas” e salienta tamén o mal estado no que se atopan as estradas estatais. “Todas elas con importantes problemas de seguridade vial debido ao deterioro do firme e outras cuestións que afectan á seguridade vial”.

Estradas abandoadas e perigosas
Nese sentido, explica a situación da N-642, a principal vía de comunicación desta comarca que no seu tramo entre Ribadeo e Foz adoece dun lamentábel estado de conservación do seu firme, “con numerosos socavóns, grietas e baches que son un auténtico perigo para a circulación nunha vía moi transitada, especialmente no verán”. Pón de manifesto que as zonas máis danadas son as de Fazouro, Mañente e sobre todo a variante de Foz.

Ademáis, na N-642 tamén hai problemas de mala visibiliade no cruce que sirve de enlace entre a parroquia de Vilaronte (Bairro das Areosas) e a N-642 á altura da coñecida como Casa de Tol. “Un cruce no que desgraciadamente se contabilizaron varios accidentes pola falla de visibilidade para incorporarse en dirección a Foz”. Razón pola que o parlamentar de En Marea demanda a Fomento que realice actuacións de mellora no cruce.

En relación á N-634, Miguel Anxo Fernán Vello lembra que se supuña que “a A-8 ía substituir á vella estrada N-634. Máis, a realidade é outra. A A-8 sofre continuos cortes debido ás néboas, problema que Fomento aínda non solucionou. O que obriga aos conductores a coller unha vetusta N-634, que presenta un penoso estado de mantemento”.

A N-640 padece o mesmo mal das outras dúas: “unha calzada destrozada que en días de choiva forma bolsas de auga. É unha vía de comunicación entre Lugo, Terra Chá, A Mariña e Asturias, que precisa unha urxente mellora entre Ribadeo e Lugo, ademáis de que aínda está pendente de arranxo o anaco entre Meira e Lugo. Supoñíase que as obras ían comezar no primeiro trimestre deste ano, pero as actuacións non empezaron”.

Para o deputado de En Marea, “en termos xenéricos, a provincia de Lugo ficou relegada ao último eslabón en canto a investimentos en infraestruturas se refire. E digamos que a comarca de A Mariña é a grande perdedora. En materia ferroviaria, ve como a liña FEVE convírtese nunha peza de museu e apenas existen servizos ferroviarios. E en materia viaria, xa vimos de explicar o lamentábel estado das vías”.

Exit mobile version