Site icon Crónica3.com A Mariña

Estes días darán comezo os traballos de reparación do paseo da Marosa, en Burela, que sufriu danos causados polos temporais do inverno

Burela, 27 de abril de 2016.- Esta semana darán comezo os traballos de reparación do paseo da Marosa, que sufriu danos causados polos temporais do pasado inverno. Así o anunciou o alcalde, Alfredo Llano, tras a visita que realizaron na mañá deste mércores a Burela responsables de Costas na provincia de Lugo.

O rexedor contou que “tivemos unha visita hoxe de responsables de Costas na provincia de Lugo e estivemos mirando algunhas cousas que quedaran pendentes de arranxar de outras veces, que xa se tiñan solicitado, e sobre todo aquelas cuestións que o mar desfixo cando houbo temporais. Basicamente hoxe logramos o compromiso por parte de Costas de arranxar o espigón da Marosa, que debido ao temporais foi perdendo moitas pedras e quedou un pouco desfeito no centro, polo que se vai arranxar o antes posible. Tamén onde resultou rota a parede do paseo vaise procurar non volver poñela tal como estaba, senón que se vai renovar cun valado metálico de aceiro inoxidable ben ancorado para que cando cheguen as ondas poidan seguir sen facer forza e sen rachar a parede do paseo. Vamos reparar tamén os demais estragos que se fixeron en todo o percorrido do paseo, que hai bastantes sobre toda nunha zona próxima á praia de Ril e noutros lugares que están deteriorados como consecuencia da forza do mar neses días”.

O alcalde burelés explicou que “na área recreativa do Cantiño, que consideramos que é moi boa para xuntarse xente tanto de verán como de inverno, xa se fixo unha primeira fase para arranxar perfectamente as grellas e os estragos que había nese lugar, pero agora vaise completar esa mellora coa instalación de novo alumeado naquela área, obra que está a piques de empezar para tela rematada a comezos do mes de xuño aproximadamente, para que cara ao verán todo o mundo poida gozar desa zona recreativa, que é moi demandada e eu creo que vai quedar moi ben e vistosa”.

Sobre o miradoiro nas inmediacións do acceso ao porto Llano manifestou que “tamén estivemos falando dun miradoiro que queremos colocar unha vez que se remate o novo acceso ao porto, para poder contemplar o peirao e todo o demais que se poida observar nese punto, desde o que se verán perfectamente lugares como Foz, Ribadeo ou Tapia. É un miradoiro que queremos instalar e vannos botar unha man seguramente. Xa lles estiven ensinando onde é o espazo para que colaboren con nós na construción desa área con miradoiro, axardinada, con bancos e con outro mobiliario urbano para que quede un lugar moi bonito”.

O rexedor engadiu: “ademais estivemos concretando as datas para comezar a arranxar as praias de Burela e preparalas para o verán. Vamos facelo o antes posible e consideramos que a primeira quincena de xuño é ideal para arranxar as praias, sobre todo a de Portelo e despois ir co resto dos areais. Vamos empezar pola praia de Portelo, que é a urbana e a máis empregada unha vez que comeza o bo tempo para gozar dos areais”.

Para Alfredo Llano foi “unha reunión moi positiva e vamos traballar xa a partir de mañá, cando van comezar retirando o escombro que orixinou a caída da parede na Marosa e para a semana próxima xa se vai empezar a colocar o valado. Vamos avanzando perfectamente nese tema e considero que para o verán vai estar todo moi ben preparado para comezar con éxito a época estival. Xa se pintou a parte do valado que está máis cerca da praia de Portelo, que era de gran tamaño, e agora vanse pintar os máis pequenos. Polo tanto dese xeito completamos todas as obras de pintura que estaban previstas”.

Exit mobile version