A Comisión tamén está a elaborar un estudo de mercado para que os custos do primeiro centro de recría de gando vacún público en España sexan os máis competitivos e para que estas instalacións públicas aforren cartos aos gandeiros pola recría, cumprindo co fin para o que naceron.
A creación da comisión técnica e a elaboración da memoria sobre o centro de recría é unha obriga legal previa para levar ao Pleno Provincial a proposta de aprobación do modelo de xestión do Centro de Recría.
A comisión está composta por un total de 8 membros, no que destacan persoeiros de grande prestixio do ámbito universitario. Concretamente, a comisión intégrana: Francisco Sineiro García: Profesor de economía agraria na Universidade de Santiago de Compostela. Foi director territorial do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (1987-1989) e Conselleiro de Agricultura, Gandaría e Montes. Eduardo Yus Respaldiza: Profesor e investigador da Facultade de Veterinaria de Universidade de Santiago de Compostela. Desenvolveu traballos e estudos relacionado coa produción leiteira e cárnica en explotacións galegas. Ademais, tamén se inclúe o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Deputado de Medio Rural e do Mar, Lino Rodríguez Ónega, así como Técnicos Provinciais do Servizo de Intervención, Contratación e Secretaría Xeral.
A través do Centro de Recría, as explotacións lucenses serán máis produtivas e rendibles xa que, facendo a recría no centro os animais acadarán un alto valor produtivo e xenético, e os gandeiros terán máis tempo e recursos para dedicarllos ás vacas. Ademais, tamén aforrarán na compra de forraxe, reducirase a contaminación ambiental, e descenderá tamén a carga gandeira, o que pode darlle acceso aos profesionais do sector a novas axudas públicas.